O BNG inicia contactos

A Asemblea do bloque fenés reuniuse onte á tarde e tivo moita afluencia.
13 de Decembro, 2019 - 02:13 h. | Publicada por Radio Fene

A Asemblea local do BNG de Fene apoia, por unanimidade, iniciar unha rolda de contactos con IU-EU e co PSdeG- PSOE para dotar a Fene dun novo goberno municipal.

Nunha concorrida Asemblea local, convocada na tarde de onte, debateuse a situación municipal logo das dúas mocións de reprobación e as peticións de dimisión do Alcalde de Fene Gumersindo Galego, presentadas polo BNG e IU por unha banda e o PSdeG por outra. (Na imaxe, último pleno ordinario de Fene).

O comunicado enviado polo BNG á nosa redacción dí textualmente: "Ante a falta de dignidade e a ausencia de iniciativa do alcalde fenés, que se resiste abandonar a alcaldía voluntariamente, a pesar de non ter nin maioría no Pleno nin apoio do que foi o seu partido, o PP" . Os nacionalista entenden que Fene entrou nunha crise sen precedentes nos últimos 40 anos. Botan a culpa á falta de goberno, falta de liderado da alcaldía, falta de traballo e de proxecto. " Un concello sumido no caos cun grupo de goberno dando bandazos, políticas erráticas en materia de persoal, sen proxecto definido nas obras e cunha privatización irregular dos servizos municipais" engade o BNG. "A gota que enche o vaso é o delito penal contra a seguridade viaria polo que foi condenado o alcalde Gumersindo Galego hai un mes", conclúen.

A responsábel local do BNG, Digna Faraldo, xa se puxo en contacto co seu homólogo socialista José Carlos Romero e coa portavoz de EU, MªCarmen Martínez, trasladándolles o acordo da Asemblea de iniciar conversas co obxectivo de recuperar a normalidade institucional no Concello de Fene. O BNG, como forza maioritaria da oposición con 6 edís, igual que o grupo municipal do PP, sinte que ten a obriga e a responsabilidade de sumar apoios que logren o obxectivo de presentar unha moción de censura que leve a Fene a ter un novo goberno. "plural e inclusivo, que deixe atrás estes anos escuros de mala praxe política, de corrupción e de xudicialización da vida municipal". Con estas palabras pechase o comunicado dos nacionalistas.

Non se di cando empezarán os contactos entre os grupos da oposioción, tendo en conta que o PSOE ten convocada unha asemblea da súa afiliación o domingo 15 ás 12:00h no seu local de Fene. A portavoz municipal, Mar Piñeiro, confírmanos que abordarán este asunto.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora