O BNG logra un acordo para instar ao Goberno a crear un acceso a Ribadeo desde a A-8

O BNG logra un acordo para instar ao Goberno a crear un acceso a Ribadeo desde a A-8

25 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A iniciativa do deputado do BNG, Francisco Jorquera, permitiu á Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobar unha instancia ao Goberno para adoptar as actuacións precisas para transformar o semienlace, que actualmente existe na A-8, nun enlace completo para dar servizo ao centro de Ribadeo. Gracias a esta modificación, a vila lucense tería unha saída en dirección Galicia-Asturias.

Jorquera conseguiu o apoio unánime da Comisión ao transaccionar un texto cos grupos socialista e co grupo popular que mantiña o requerimento de que a vila da Mariña conte cun acceso directo á A-8.

 

 

Ademais, o acordo empraza ao Executivo a iniciar un diálogo co Concello de Ribadeo para definir as características coas que debe contar o vieiro de acceso ao centro de Ribadeo desde o mencionado enlace. Este é un trámite preciso porque se debe ter en conta para a redacción, por parte de Fomento, do proxecto de transformación do semienlace en enlace completo.

 

Nun terceiro punto, emprázase ao Executivo a que, unha vez definidas as características do vial, leve a cabo o correspondente proxecto construtivo, acompañado da pertinente dotación orzamentaria.  

 

O deputado do BNG sinalou que “a razón que fundamenta esta proposición é o feito de que a apertura da autovía do Cantábrico A-8 na zona de Ribadeo non resolveu ben as necesidades de conexión con Ribadeo”. En dirección a Asturias, explicou, “só hai unha saída en Piñeira, a varios quilómetros do centro de Ribadeo, o que obriga aos condutores a realizar un rodeo de varios quilómetros. Unha saída insuficiente e que se converte nun auténtico embudo”.

 

En cambio, en sentido inverso de Asturias a Galiza, dixo Jorquera, si hai unha saída á altura do centro de Ribadeo, un semienlace, xa que é unha saída nun sentido pero non no outro. Circunstancia que fai que moitos condutores vaian a Asturias a dar a volta. “Debido precisamente aos problemas de acceso a esta localidade moitos cidadáns optan por saír na localidade asturiana de Figueras  para desde alí retornar a Ribadeo”.

 

 

Resolver as necesidades de tráfico de Ribadeo

 

Jorquera enfatizou o importante desenvolvemento urbano que experimentou Ribadeo nos últimos anos. “Situación na que tivo unha grande influencia o feito de ser residencia de fin de semana, ao que hai que engadir o seu atractivo turístico que duplica a súa poboación nos períodos vacacionais”. Tamén resaltou a súa relevante actividade comercial e de ocio que atrae a moitos cidadáns tanto de Galiza como de Asturias”.

 

Todo isto, afirmou, provoca unha alta concentración de tráfico nos accesos a Ribadeo. Ademais, esta demanda está precedida por acordos unánimes de todas as forzas políticas no concello de Ribadeo.  

 

O deputado nacionalista subliñou a necesidade desta saída tanto para solucionar os fluxos de tráfico actuais como os futuros.

Sociedade