O BNG logra un acordo para reformar as facendas locais e compensar aos concellos con encoros

O BNG logra un acordo para reformar as facendas locais e compensar aos concellos con encoros

23 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Comisión de Economía do Congreso dos Deputados aprobou este mediodía a proposición non de lei do deputado do BNG, Francisco Jorquera, para que o Goberno asegure, no marco de reforma das Facendas Locais, a estabilidade na tributación do Imposto de Bens Inmóbeis especiais aos municipios afectados por encoros ou centrais hidroeléctricas.

Jorquera criticou a actitude do PP na Comisión xa que, de entrada, se opuxeron á proposición do BNG pretextando que “están en contra de baixar os impostos”. Unha actitude que imposibilitou un acordo máis ambicioso e provocou as críticas da formación nacionalista porque “o PP está a primar aos oligopolios que explotan os nosos recursos por riba dos intereses de moitos pequenos concellos, nos que por certo, gobernan”.     

 

 

O acordo acadado por unanimidade tamén insta ao executivo español a artellar mecanismos que aseguren a suficiencia financieira dos pequenos concellos no marco da reforma das Facendas Locais

 

Jorquera tamén explicou que o Real Decreto 1467/2007 modifica as normas de valoración catastral pola que se determinan os valores catastrais de bens Inmóbeis de Características Especiais (BICES), como son os casos das centrais hidroeléctricas, os parques eólicos, as autoestradas ou os aeroportos.

 

En base a isto, puntualizou que “a nova normativa atribúe ao Catastro a exclusividade para levar a cabo ponencias de valores”. Para o deputado do BNG,  “froito destas modificacións moitos concellos sairán beneficiados pero decenas de concellos pequenos de Galiza veránse prexudicados, sobre todo onde hai encoros, saltos de auga ou centrais hidroeléctricas”.

 

O IBI unha das compensacións aos concellos polo impacto social e medioambiental

 

Cos novos criterios de valoración, afirmou Jorquera, a recadación por IBI, “unha das principais fontes de ingresos dos concellos, diminuiu considerabelmente”.

 

“A poboación de moitos municipios de Lugo e Ourense tivo que asumir importantes custes sociais e medioambientais. Viron como se anegaban os seus vales cun enorme impacto paisaxístico, tamén tiveron que sofrir o traslado da poboación a outros lugares e a desaparición dos aproveitamentos económicos anteriores. Unha das poucas compensacións por todo iso é o IBI que os concellos repercutían nas empresas”, considerou o representante nacionalista.  

 

O portavoz do BNG censurou o feito de que as empresas responsábeis vaian pagar menos por antigüidade. Neste sentido, lembrou que a práctica totalidade das centrais e encoros que hai na conca do Miño-Sil sobrepasan os 50 anos.

 

Ademais, subliñou que o impacto nas facendas locais por esta menor avaliación “é brutal”. A diminución significa unha redución dos ingresos anuais superior ao 20%”. No contexto de actual crise económica, indicou o deputado do BNG, os concellos reducen os seus ingresos debido á crise e aínda están a agardar pola reforma do financiamento local.

 

O deputado do BNG sinalou que “estas son as razóns que fundamentan a presentación da nosa proposición”.

Sociedade