O BNG reclama á Xunta que actúe para frear o ERE de Ingemarga

O BNG reclama á Xunta que actúe para frear o ERE de Ingemarga

21 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Expediente de Regulación de Emprego (ERE) da empresa Ingemarga en Guitiriz será tratado no Parlamento de Galicia. O portavoz de Emprego do grupo parlamentario do BNG, Henrique Viéitez, rexistrou varias iniciativas parlamentarias nas que se insta á Xunta a actuar e “desenvolver cantas accións sexan precisas, intervindo dun xeito eficaz, para que a empresa Ingemarga conserve os seus postos de traballo actuais”.

No texto das iniciativas, o deputado nacionalista expón a situación da empresa Ingemar S.L., que vén de presentar un ERE polo que pretende extinguir os contratos laborais de 64 traballadores na planta de transformación e 16 nas canteiras.

 

Viéitez pon de relevo a gravidade desta situación, dado que se trata da empresa “máis importante do concello de Guitiriz e unha das máis importantes da comarca”, polo que a resolución deste expediente tería consecuencias “nefastas para o emprego e a economía, xa que está calculado que por cada emprego directo, a firma crea tres máis indirectos”.

Estes despedimentos farían, á súa vez, “inviable a continuidade da factoría xa que, para que funcione de xeito óptimo, ten que dispor dun volume de persoal axeitado ás súas liñas de produción”.

O representante do Bloque na Rúa do Hórreo advirte, asemade, de que a dirección da empresa xa deixou entrever a posibilidade de seguir reducindo o número de traballadores polo que, tal e como evidencia, “unha intervención decidida da Administración pode aportar solucións de futuro”.

Deste xeito, o BNG quere paliar a situación actual nunha comarca “xa de por si castigada polo paro como é a da Terra Chá” e por iso insta ao Goberno galego a levar adiante actuacións “para que a empresa conserve os seus postos de traballo actuais e aportando solucións de futuro”.

Sociedade