O BNG solicítalle á Xunta a creación dun xulgado de violencia de xénero en Lugo

O BNG solicítalle á Xunta a creación dun xulgado de violencia de xénero en Lugo

03 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O BNG presentou unha iniciativa na que lle demanda á Xunta de Galicia un xulgado específico de violencia de xénero en Lugo e noutras cidades galegas como Ourense, Pontevedra, Santiago e Ferrol. A encargada de trasladar esta demanda foi a portavoz do BNG na Comisión de Xustiza do Parlamento Galego, Tereixa Paz.

Paz insta, na súa proposición non de lei, a que o organismo autonómico “garanta a disposición das infraestruturas e medios necesarios para a publicación e posta en funcionamento destes xulgados específicos de violencia de xénero no momento en que o Estado acorde a súa creación”.

A este respecto, a representante nacionalista lembrou que “malia que é o Goberno Central quen ten a competencia para a creación e determinación das unidades xudiciais, temos visto que a falla de colaboración da Xunta de Galicia en canto á dotación de recursos humanos e materiais ten sido utilizada como escusa para non crear xulgados específicos de violencia de xénero”. Por elo, amousou a súa “preocupación” porque na comparecencia no Pleno do Parlamento Galego da semana pasada do Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, para expoñer as liñas estratéxicas da súa consellaría, “non falou nada da creación de xulgados de violencia de xénero. Parece que non é unha prioridade para o Goberno do PP na Xunta de Galiza”, advertiu Paz.

Demanda unánime da sociedade galega

A deputada asegurou que os dous únicos xulgados exclusivos de violencia de xénero existentes neste momento en Galicia, os de Vigo e A Coruña, “son claramente insuficientes”, xa que no resto das cidades galegas son os xulgados de instrución ordinaria os que se ocupan tamén das competencias de xénero. Isto provoca “unha situación de colapso, que padecen non só os funcionarios xudiciais, senón, que é o máis grave, as vítimas, poñendo en cuestión o funcionamento dun servizo público esencial”.

Neste sentido, Tereixa Paz considera que a creación destes xulgados específicos “é imprescindible para mellorar o servizo, garantir a atención ás vítimas da violencia e abordar o problema desde unha perspectiva integral”. Por elo, salientou que a demanda de creación destas unidades “ademais do BNG, téñena formulado os colexios profesionais de avogados e procuradores, a Sá de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o Senado e o Congreso dos Deputados, as Xuntas de xuíces e do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, sustentada a petición ademais por acordos plenarios de diversos concellos e por varios acordos unánimes do Parlamento de Galicia”.

Case 6.000 denuncias por violencia de xénero no ano 2008

Ademais, a deputada do Bloque subliñou que, tal e como se recolle no informe do ano 2008 do Observatorio sobre Violencia de Xénero e Doméstica do Consello Xeral do Poder Xudicial, “os xulgados exclusivos de violencia de xénero teñen moitos máis medios para atender as vítimas que os xulgados ordinarios e que a formación en materia de igualdade e violencia de xénero de xuíces, secretarios e demais funcionarios é dúas veces maior nos xulgados exclusivos”.

Salientou tamén como datos que evidencian a magnitude do problema que no ano 2008 houbo en Galiza 1.439 solicitudes de ordes de protección e 5.959 denuncias por violencia de xénero.

Sociedade