O BNG solicita un espazo de seu para Castelao no Gaiás

O BNG solicita un espazo de seu para Castelao no Gaiás

27 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Castelao merece unha lembranza perpetua na Cidade da Cultura para así vincular esa obra co país. O BNG solicita que o edificio do Monte Gaiás de Santiago acolla unha mostra dedicada ao autor de “Sempre en Galiza” como primeiro paso para reparar o “desleixo e desprezo” co que a Xunta trata a súa figura. O 125 aniversario do nacemento do rianxeiro débese aproveitar para recuperar a vixencia do seu pensamento, reclaman.

2011 ten que ser o Ano Castelo. A deputada do BNG, Ana Pontón, solicitará que a Xunta institucionalice o aniversario do autor e intelectual finado no exilio a través de varias iniciativas parlamentarias. Entre elas, unha que esixirá o cumprimento do acordo logrado o 13 de abril do pasado ano para que o conxunto da súa obra sexa declarado Ben de Interese Cultura. Pontón láiase de que “dez meses despois a Xunta segue sen incoar o expediente” malia que asegure o contrario: “No DOG non está publicado”, teima. Asemade, os nacionalistas solicitarán que a Cidade da Cultura sexa fogar permanente da obra plástica de Castelao, como primeiro paso para que o gran colector lle dea abeiro ás figuras máis senlleiras da cultura galega. 
 
Ana Pontón afirmou que durante o pasado período de sesións no Pazo do Hórreo varios deputados do PP negaron a celebración do Ano Castelao argumentado que “era nacionalista”. Para a voceira de Cultura do BNG, o País ten unha “inmensa débeda con el e co seu pensamento” e a súa “relevancia cultural e política está fóra de dúbida”. Coida que dende a Xunta “se manipula a súa figura para logo negala”. Ademais, Pontón defende que o discurso do defensor do fallido Estatuto de Autonomía de 1936 pode “verte luz” sobre algúns debates actuais. 
Institucional