O cabaré máis picante en Black Cherry Burlesque

O cabaré máis picante en Black Cherry Burlesque

13 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A compañía coruñesa Almacabra representa o seu cabaret Black Cherry Burlesque, este xoves na capela do Centro Cultural Torrente Ballester. Un espectáculo que chega a través da Rede Galega de Salas que se enmarca no ciclo Novas Noites. Unha posta en escea de cabaré, suxerente, divertido, ameno e moi picante ...

O cabaré chega ao Torrente Ballester con The Black Cherry Burlesque. A Compañía Almacabra Teatro-Circo formouse no ano 2006, integrada por profesionais procedentes de diferentes disciplinas artísticas como o teatro, o circo, a danza ou a música, que coincidiron e coñecéronse na Asociación Cultural Manicómicos da Coruña.

Inspirándose nos show dos anos 50 e cunha estética moi pin up americana nace este espectáculo pura fusión do cabaré máis burlesco coas formas máis actuais. Unha peza onde se misturan cancións, músicas ou malabares.Todo elo cunha linguxe cómica, satírica con vocación pícara e exhibición, á procura da participación do público.

Como todos os espectáculos do ciclo Novas Noites, a actuación do grupo Almacabra será ás dez da noite o vindeiro xoves 15 de outubro. O custe da entrada é de 5 euros.

Cultura