O calendario de festas de Galicia actívase a partir desta fin de semana

O calendario de festas de Galicia actívase a partir desta fin de semana

04 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Sen marchar da provincia da Coruña, esta noite celébranse dous eventos aos que paga a pena viaxar para gozar dun pouco de xolda.

O Concello da Coruña organiza unha celebración especial para conmemorar o nomeamento da Torre de Hércules como monumento Patrimonio da Humanidade. Unha manchea de actividades sucederanse na contorna do faro romano dende a tardiña, co punto álxido dun gran espectáculo pirotécnico minutos antes da medianoite no que se dispararán máis de 1.500 foguetes.
 
Ás dez e media da noite actuará a banda Catpeople e os madrileños Krakovia farano cando se disolva o fume da pólvora. Mais entre as citas que se desenvolverán á sombra da Torre, sobrancea unha exhibición de danza aérea que haberá ás sete nda tarde. Forma parte do Festival de Danza en Paisaxes Urbanas Empape, que se insire no programa Caixanova na Rúa.

Para os que prefiran festexos máis tradicionais, está o Asalto ao Castelo de Vimianzo, no Val de Soneira. Vénse representando dende hai 14 anos este fito da loita irmandiña acontecido en 1467. Unha das organizadoras do festexo, María Queiro explicábanos que o espíritu desa unión dos irmandiños está hoxe vixente como nunca, pero que xa abundan as festas históricas, así que eles prefiren mesturar a conmemoración clásica con música e teatro contemporáneos.

O asalto ao castelo de Vimianzo será contra a medianoite, pero antes e despois haberá música e outros entretementos que se estenderán ata pasada a madrugada.

Sociedade