O Castro de Viladonga terá a máxima protección legal ao ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC)

O Castro de Viladonga terá a máxima protección legal ao ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC)

10 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Castro de Viladonga será declarado Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento. O director xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Deportes, Felipe Arias, vén de asinar a resolución pola que se incoa o procedemento para que este xacemento conte co máximo grao de protección legal.

Gracias á inclusión do Castro como BIC, Viladonga contará cunha protección extra, xa que non se poderá variar o entorno do mesmo, impedindo a construción de estradas, edificios ou a conversión do terreo para o uso agrícola. Así, non se poderán realizar plantacións de ningún tipo nos arredores do xacemento.

Esta resolución foi valorada positivamente desde o Museo do Castro de Viladonga. Elena Varela, directora do centro, considerou que, a partir de agora, “na teoría non se poderá plantar ningún tipo de cultivo no Castro, nin facer autovías ou estradas, co que estaremos un pouco máis protexidos, aínda que na práctica sexa un pouco máis custoso, xa que haberá que falar con todos os implicados”. Varela tamén admitiu que a iniciativa partiu das dúas institucións, do Museo e da Dirección Xeral de Patrimonio. “Desde Cultura estanse a levar a cabo iniciativas coma esta para a defensa do patrimonio Arqueolóxico, que está sufrindo bastantes desfeitas. A declaración de Ben de Interese Cultural é positivo para a súa defensa”, opinou a responsable do Museo.

A incoación do procedemento partiu do estudo por parte dos técnicos da Consellería de toda a documentación bibliográfica e histórica recollida por este departamento nos últimos meses, e da análise dos valores históricos e culturais do monumento. O resultado destes estudos é que a Dirección xeral de Patrimonio estima que o Castro reúne as condicións para poder obter o máximo grao de protección patrimonial.

A partir da próxima publicación no DOG desta resolución, abrirase un período de información pública dun mes no que as persoas ou entidades interesadas poden examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e interpoñer as alegacións que estimen oportunas. A Consellería pediralle opinión sobre a declaración a tres organismos consultivos. Cultura agarda que logo duns meses o proceso remate na declaración definitiva como BIC.

Con esta resolución, Viladonga converterase no terceiro poboado castrexo que acade o grao de BIC, logo dos de Santa Trega (A Guarda) e Elviña (A Coruña). A Consellería de Cultura e Deportes iniciou no 2007 un ambicioso proxecto para que os principais castros de Galicia obteñan o máximo grao de protección. Nos vindeiros meses incoaranse os procedementos para a declaración Ben de Interese Cultural doutros 19 castros

A resolución sitúa a Viladonga como un dos máis senlleiros e representativos da cultura castrexa, habitado principalmente en época romana. Chama a atención a monumentalidade do xacemento, un conxunto con croa, murallas, foxos e antecastro que constitúe un arquetipo formal de castro do interior de Galicia. Na resolución tamén se destaca a traxectoria como centro de investigación desde os anos oitenta ata a actualidade.

A delimitación do Castro de Viladonga como monumento comprende unha área de 96.270 metros cadrados, que inclúe o recinto castrexo, xunto cos parapetos, murallas e socalcos que forman parte do conxunto. O seu contorno de protección chega aos 993.494 metros cadrados, e nel inclúense a Rodela de Valmonte, outro xacemento castrexo próximo.

Cultura