O CEIP Monseivane de Vilalba homenaxea a Luis Tosar

O CEIP Monseivane de Vilalba homenaxea a Luis Tosar

19 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O CEIP Monseivane de Vilalba homenaxeou ao actor lucense Luis Tosar poñéndolle o nome do artista a unha das súas aulas. Como non podía ser doutra forma, a aula multiusos, dedicada ao audiovisual e á informática, levará, a partir de agora, unha placa que lle da nome e que conmemora a visita do actor ao centro. Esta iniciativa formou parte do ciclo de actividades programadas na semana pola normalización lingüística que se desenrolou n

Non foi este o único recoñecemento á labor do actor, senón que, desde o colexio vilalbés se programou unha dramatización do capítulo piloto da serie “Mareas Vivas”, que catapultou a Tosar ao primeiro plano da ficción televisiva en Galicia, a pesar de ter unha importante vagaxe no mundo do teatro. A interpretación dos pequenos sorprendeu ao propio actor, pola “súa capacidade de adaptación ao papel e a adopción dos xiros lingüísticos e das propias personaxes, sobre todo porque a maioría dos nenos non tiveron coñecemento da serie”.

 

Unha vez rematada a pequena representación, os alumnos do CEIP someteron ao invitado a unha batería de preguntas, caracterizadas polo inxenio e a inocencia de quen “non ten maldade, nin o contido de información suficiente para preguntar algo con dobre intención”, admitiu o comediante, que viu nesta actividade unha das formas “de promoción da cultura e do cinema”, aínda que “non a única”, entre os cativos.

Chegadas as 12 da mañá, procedeuse a descubrir a placa que identifica a aula de audiovisuais co nome de Aula Luis Tosar. Na propia placa pódese ler a cita do actor: “Prefiro un día sen traballo que ter que pasar por enriba de moitos dereitos fundamentais das demais persoas”. As clases do colexio posúen nomes de personaxes ilustres da cultura galega. Así, Luis Tosar compartirá espazo con literatos como Álvaro Cunqueiro ou Castelao.

Posteriormente o actor firmou os exemplares dunha pequena biografía confeccionada polos propios pequenos do CEIP Monseivane.

Sociedade