O cine Adriano chega ao cine

Arima rodou algunhas escenas no cine Adriano de Barallobre (Fene)
05 de Febreiro, 2020 - 10:24 h. | Publicada por Radio Fene

DUPLEX Cinema acolle a presentación de "Arima"este domingo 9 de febreiro ás 18:15 coa presencia da directora, Jaione Camborda.

ESCOITA O PODCAST:

DUPLEX Cinema acolle a presentación de "Arima"este domingo 9 de febreiro ás 18:15. Contarán coa visita ao cine ferrolán da súa directora, Jaione Camborda (na imaxe) quen acadou o premio ao mellor filme na sección Novas Olas do festival de Sevilla por este thriller de densa atmosfera, onde as mulleres cobran todo o protagonismo. Para os feneses tamén ten o seu aquel porque algunhas escenas está rodadas no vello cine Adriano de Barallobre. Daí as palabras para Radio Fene, da directora en plena rodaxe. Jaione Camborda acudirá ao Duplex o domingo ás 18.15h. A sesión é de balde para as persoas con abono.

Arima

Arima é a historia de catro mulleres e unha cativa, que se ve alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles fuxe do outro, agochándose pola vila coma un ser fuxidío, fantasmagórico. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas a vida das mulleres. Todo isto moverase na fronteira entre o real e o imaxinado, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio.

Jaione Camborda asume o reto de realizar unha longametraxe logo de dirixir curtas cun importante percorrido por festivais de cinema de vangarda como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das bestas. Ten sido ademais guionista xunto a Alfonso Zarauza en dous filmes deste realizador, Os fenómenos e Ons, produtora do cineasta Víctor Hugo Seoane e directora de arte doutros cineastas do Novo Cinema Galego, véxase Ángel Santos (Las altas presiones) ou Lois Patiño, co que colaborou en Lúa vermella, de próxima estrea na Berlinale.

De orixe vasca, Jaione leva moitos anos asentada en Galicia e perfectamente integrada no sector, até o punto de rodar en galego esta ópera prima e de contar coa colaboración de profesionais de recoñecido prestixio no noso audiovisual como o director de fotografía Alberte Branco ou David Machado e Juan Carlos Blancas no son. Protagonizan o filme Melania Cruz, Rosa Puga Davila , Tito Asorey e Mabel Rivera, Iria Parada e a debutante, Nagore Arias.

Cultura

Publica o teu comentario agora