O cine menos comercial chega a Ferrol

O cine menos comercial chega a Ferrol

10 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A longametraxe “Brazil”, do director Terry Guillian, e a curtometraxe “12007”, obra de Diego Torres, son a nova proposta para mañá dia 11 de febreiro, do ciclo “Inverno de Cine”. Un proxecto da Concellería de Cultura de Ferrol que nos permitirá disfrutar dunha selección das mellores cintas do cine menos comercial.

Tamén amosará o ciclo do traballo daqueles galegos e galegas que se poñen detrás da cámara, pero cuxos traballos en moitos casos nunca chegarían a verse nunha sala da súa terra. Os pases serán gratuitos, nos Cines Dúplex, no barrio de Esteiro, a partir das oito e media do serán.

A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, explica que “Brazil” amosa un universo de futurismo burocrático. Conta no seu reparto con actores da talla de Robert De Niro, Jonathan Prize ou Michael Palin e, rodada en 1985, logrou manterse na carteleira a pesares de afastarse do chamado cine comercial.

No caso de “12007”, a edil de Cultura avanzou que a historia parte da lectura dun relato breve do autor Rafael Dieste, publicado por primeira vez en 1926. Unha historia ambientada en Galicia que reflexiona sobre quen somos e a onde imos como especie.

O ciclo continuará o vindeiro 18 de febreiro coa obra de Jim Henson, cuxa película “Labyrinth” nos trae un conto para nenos e maiores protagonizado polo actor e músico David Bowie. A continuación será o turno de Henry Selick e a súa obra “James and the Giant Peach”, unha fermosa película de animación que parte dun relato do escritor Roald Dahl. A elas sumaránse as curtametraxes “Os señores do vento”, de Xurxo González, e “Cinco Historias de Amor”, de Mariano Casas.

Por outro lado, e xa en marzo, está prevista a proxección de obras dalgúns dos directores máis vangardistas dos últimos anos, con xoias de David Lynch, David Cronenberg, Spike Jonze e Vincent Galo. Será un mes adicado á sempre presente temática da personalidade, no que se percorrerán terreos de escuridade, mais cun espazo para visións máis doces do mesmo tema. Destacan tamén as curtametraxes galegas de última xeración “Cientos de cerillas quemadas sobre un viejo mantel de hule”, “O hospital”, “O Conxuro” e “O Cazador”.

Cultura