O coñecemento das pegadas das últimas glaciacións nos sistemas montañosos galegos a estudo

O coñecemento das pegadas das últimas glaciacións nos sistemas montañosos galegos a estudo

09 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O estudo das pegadas do xeo en Galicia nos últimos 80 mil anos será un dos obxectivos das VII Xornadas Ciencia e Territorio que se inauguran hoxe en Melide. Baixo o epígrafe “Os procesos glaciares e periglaciares en Galicia: O exemplo das serras sudorientais” iniciánse tres días de conferencias nas que se analizarán entroutros, o cambio climático dende a perspectiva histórica.

As VII Xornadas Ciencia e Territorio están organizadas polo Instituto de Melide e polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega. Nelas participarán máis de 70 profesores e profesoras de ensinanza media de todo Galicia.

Desde hai sete anos, o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e os Departamentos de Ciencias Naturais e de Ciencias Sociais do IES de Melide, veñen desenvolvendo estas xornadas para pór á disposición do profesorado non universitario galego os coñecementos científicos máis recentes xerados no ámbito universitario, relativos ao medio físico, tanto natural como construído. Deste xeito, perséguese que o profesorado poida transmitir ao seu alumnado, o coñecemento e o respecto da súa contorna máis próxima.

Na presente edición, que se celebra hoxe, mañá día 10 e  pasadomañá 11 de setembro, as charlas adicaránse ao coñecemento das pegadas das últimas glaciacións nos sistemas montañosos galegos. Para iso, un grupo de 70 profesores/as, dirixidos polo Catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago, Augusto Pérez Alberti, un estudoso e profundo coñecedor do tema, desprazaránse ata as serras sudorientais de Galicia. En concreto, O Courel, Trevinca e Manzaneda para coñecer “in situ” esas pegadas. Consisten esencialmente  en lagos de circo glaciar, vales en forma de U, enormes rochas desprazadas ao longo dos vales sen saber aparentemente moi ben por que ou quen. Ademais se atopan pequenos vales secundarios “colgados” que verten as súas augas sobre os anteriores, máis profundos, formando espectaculares fervenzas ou tamén restos sedimentarios glaciares denominados morrenas, nas súas diferentes formas.

A presenza destes restos nas zonas citadas anteriormente, evidencia que hai miles de anos o noso territorio estivo parcialmente cuberto por xeo. O quencemento global actual da atmosfera terrestre nada ten que ver cos procesos naturais, como hai miles ou millóns de anos, senón máis ben coa actividade humana só dos últimos 250 anos. Unha velocidade de vertixe en comparación cos lentos cambios habidos no noso pasado xeolóxico, nun pasado que agora se tentará reproducir e comprender idealmente sobre o terreo.

Cultura