O comercio precisa do compromiso da clientela co local

A tenda Un pedacito de mi empezou con bo pe o Nadal
10 de Decembro, 2020 - 02:09 h. | Publicada por Radio Fene

Visitamos a tenda Un pedacito de mi no dia en que arranca a campaña de Nadal para os 31 comercios de Fene que participan na iniciativa da asociación O Cruceiro.

ESCOITA O PODCAST:

Os escaparates xa están decorados na tenda de moda infantil ubicada na estrada da Fraga de Fene, Un pedacito de mi. Esta mañá comezou alí, e en trinta comercios máis da localidade, a campaña de Nadal na que desde hoxe se entregan á clientela vales por valor de 50 euros de compra e para o sorteo dunha cesta de Nadal valorada en 200 euros pola asociación de comerciantes O Cruceiro. “Vive o Nadal en Fene, contigo recuperamos a ilusión” é o lema que preside a campaña deste ano. A ilusión está garantida para Sandra González, de Un pedacito de mi. Só precisan que a veciñanza viva o Nadal en Fene e merque os agasallos no comercio local. Recoñece esta comerciante fenesa que o peche perimetral de Ferrol ou Narón pode favorecer este soño porque a xente non pode acudir aos centros comerciais destes municipios, pero tamén eles perden a clientes desas zonas ou de Cabanas e Pontedeume que sóen mercar na súa tenda. Así as cousas, que sexa o que os Reis Magos queiran. De momento quedamos con ese precioso escaparate cheo de follas naturais de eucalipto e outras árbores ou con ese outro que da á praza Alcalde Ramón Souto, cargado de xoguetes, de bonecas e carriños que, seguro están entre as ilusións dos máis pequenos.

Sociedade

Publica o teu comentario agora