O Concello da Coruña devolverá a Millán Astray o título de fillo predilecto

O Concello da Coruña devolverá a Millán Astray o título de fillo predilecto

15 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O concello da Coruña (gobernado polo Partido Popular) non presentará recurso contra a decisión xudicial de devolver o título de fillo predilecto desa cidade a José Millán Astray, fundador da Lexión. O título foi retirado polo anterior goberno municipal da coalición PSdeG-BNG, pero o gabinete do novo alcalde, Carlos Negreira, optou por non continuar esa vía xudicial.

Nun comunicado, o concello anunciou de decisión de «non recorrer a sentenza da maxistrada do Xulgado do contencioso -administrativo número 3 da Coruña», que ordena devolver o título. «O goberno municipal basea a súa decisión no informe da asesoría xurídica, que deixa claro que a argumentación do xuíz é clara e contundente, polo que recomenda non formular un recurso de apelación ao fallo», informou o concello na nota.

A sentenza obrigaba ao Concello a repor a Millán Astray a condición de fillo predilecto da cidade aducindo que non se pode aplicar a lei de Memoria Histórica posto que o nomeamento aprobouse nun pleno municipal de agosto de 1922, catorce anos antes da sublevación que provocou a Guerra Civil.

O novo goberno municipal sinalou que «respecta a sentenza da maxistrada e a decisión dos seus avogados unha vez analizaron o fallo con detemento», e engadiu que o asunto «xa se atopa o suficientemente xudicializado». Para o concello, un hipotético recurso «non ten visos de prosperar, tal e como indica o informe xurídico, xa que considera a sentenza axustada a dereito».

Sociedade