O Concello de Vilalba convoca o Certame Literario das Letras Galegas 2010

O Concello de Vilalba convoca o Certame Literario das Letras Galegas 2010

30 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O departamento de Cultura de Vilalba ven de publicar as bases do Certame Literario das Letras Galegas 2010, que terá un dobre ámbito, un comarcal, o dos premios “Manuel Mato Vizoso” e “Xosé María Chao Ledo”; e outro municipal. A data final para a admisión dos traballos será o 7 de maio ás 14 horas.

Os premios “Manuel Mato Vizoso” e o Xosé María Chao Ledo”  están abertos a todos os rapaces de entre 15 e 18 anos inclusive, da Terra Chá están dotados ambos os dous  con 210 euros e un diploma ao mellor traballo en prosa galega o primeiro e ao mellor poema o segundo. O tema será libre e cunha extensión máxima de 20 folios mecanografados a dobre espazo. No “Mato Vizoso” e en galego, de metro e tema libres e cunha extensión máxima de 75 versos, no “Chao Ledo”

En canto ao resto dos premios estarán reservados para os veciños de Vilalba e serán o “Xosé Lois García Mato”, para rapaces menores de 15 anos, dotado con 120 euros e cun diploma ó mellor traballo en prosa galega de tema libre, cunha extensión máxima de 10 folios mecanografados a dobre espazo; o “García Hermida” para menores de 15 anos, dotado con 100 euros e diploma ao mellor poema inédito en galego de metro e tema libres, cunha extensión máxima de 50 versos; o “Carmiña Prieto Rouco” para nenos  menores de 10 anos, dotado con 80 euros e diploma ao mellor traballo inédito en prosa galega, tema libre e cunha extensión máxima de 5 folios mecanografados a dobre espazo; e o “Uxío Novoneyra”, para menores de 10 anos, dotado con 60 euros e diploma ó mellor poema inédito en galego, de metro e temas libres, cunha extensión máxima de 20 versos.

Tódolos traballos que concorran ao certame serán dirixidos ó Concello de Vilalba, facendo constar no exterior do sobre “Para o Certame Literario Xuvenil Letras Galegas”, a base á que concorren e o lema ou pseudónimo que ademais deberá figurar na primeira páxina de cada exemplar.
 
Ademais, nun sobre pechado e aparte figurarán os datos persoais, enderezo e número de teléfono do autor así como o lema ou pseudónimo co que se presenta o traballo. O  Concello poderá reproducir e publicar no xeito que considere oportuno os traballos premiados. Os non premiados serán destruídos xunto coas súas plicas.

Cultura