O congreso aproba a iniciativa do BNG para suspender a concesión de novas centrais hidroeléctricas no Miño-Sil

O congreso aproba a iniciativa do BNG para suspender a concesión de novas centrais hidroeléctricas no Miño-Sil

20 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Comisión de Medio Ambiente do Congreso dos Deputados aprobou onte, por unanimidade, a proposición non de lei da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, na que se insta ao Goberno a suspender cautelarmente a concesión de novos aproveitamentos hidroeléctricos na conca do Miño-Sil. O partido nacionalista puña como condición para continuar coa concesión a realización dos estudos de impacto medioambiental e social dos

A deputada do BNG aceptou transaccionar un acordo co grupo popular e co grupo socialista, xa que mantén integramente os requirimentos realizados polos nacionalistas galegos, ademais de estar baseada nun acordo do Parlamento galego.

 

O acordo insta ao Goberno a continuar coa tramitación dos expedientes de caducidade sobre as concesións de aproveitamentos hidroeléctricos, conforme ao establecido na lei, e pide a revisión da situación xurídica dos títulos concesionarios que amparan este tipo de infraestruturas en función de determinar o grao de cumprimento dos condicionantes e características de outorgamento, “coa adopción de medidas de cara a extinción de aqueles que se atopen en situación de irregularidade”.

Demasiadas centrais hidroeléctricas para esta conca

Davila puxo de manifesto na súa intervención a “elevada presión que soporta a conca hidrográfica Miño-Sil, onde están emprazadas 77 centrais hidroeléctricas. Máis do 80% se sitúan en territorio galego, e unha grande parte son grandes encoros”.

Ademais, subliñou que “no Estudo sobre a demarcación hidrográfica Miño-Limia, recoñécese que a produción hidroeléctrica estimada é de 2,71 Gw/ano, cifra moi relevante en relación coa superficie da conca”. A pesar destes dados, afirmou Davila, “hai que sumar novos proxectos de encoros que se atopan en diferentes fases de tramitación, e cuxa autorización corresponde en último lugar ao Ministerio de Medio Ambiente”.

Neste sentido, salientou o feito de que “estamos a falar dunha conca que xa sofre un enorme impacto medioambiental, paisaxístico, socioeconómico e tamén cultural”.

Necesidade de paralizar novas solicitudes

Destacou a preocupación do BNG por este tema xa que non “é a primeira vez que traemos iniciativas sobre o aproveitamento hidroeléctrico na conca do Miño-Sil”, e enunciou o proxecto de 3 minicentrais no concello de Arbo, “un concello onde ten un grande peso a pesca fluvial que se vería afectada por este tipo de construcións”.

A parlamentaria nacionalista aludiu á unha recente resposta do Goberno ao BNG na que detallaba as concesións outorgadas así como as denegadas e as que están en trámite. “Precisamente nesta resposta se clarifica e se evidencia o excesivo número de solicitudes de minicentrais”. Así, explicou que na información do Goberno se sinalaba que en Lugo, con 62 solicitudes, concedéronse 14, denegáronse 31 e 17 están en trámite. Ourense con 109 solicitudes, concedéronse 32, denegáronse 60 e 17 están en trámite. E Pontevedra con 17 expedientes incoados, 5 concedidos, 11 denegados e 1 en trámite.

Para a deputada do BNG “isto afonda a nosa preocupación polo impacto medioambiental, socio-económico, e cultural que este tipo de construcións hidroeléctricas teñen”. Tamén asegurou “non entender o feito de que Galiza exporte electricidade e haxa tanta necesidade de facer infraestruturas hidroeléctricas cando se está a impulsar outras alternativas como a eólica, e sobre todo, cando existen xa tantos encoros”.

Sociedade