O Congreso debaterá hoxe a moción do BNG para que o Goberno defenda un prezo xusto do leite na UE

O Congreso debaterá hoxe a moción do BNG para que o Goberno defenda un prezo xusto do leite na UE

21 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Pleno do Congreso dos Deputados debaterá, a partir das 18.00 horas a moción da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que insta ao Goberno a defender na Comisión Europea a necesidade de establecer un prezo de referencia en orixe para o leite a fin “de garantir rendas dignas aos produtores”.

Nesta iniciativa, a deputada nacionalista empraza ao Executivo a pór en marcha, en colaboración coas Comunidades Autónomas, un programa rigoroso de control das importacións de produtos lácteos para evitar as prácticas de dumping. Asimesmo, pide que o Goberno se sume na UE á posición mantida por outros Estado que defenden unha revisión do incremento lineal de cotas acordado no marco do Chequeo Médico da PAC, “así como a revisión dos últimos acordos da PAC en relación á liberalización do mercado do leite”.

Noutros puntos da moción, a parlamentaria do BNG insta ao Goberno a procurar acordos na UE de regulación do mercado no caso dos excedentes lácteos. Asemade, quere que se arbitren mecanismos de intervención que eviten a caída dos prezos pagados en orixe aos gandeiros “para impedir o abandono de moitas explotacións agrarias”.

A deputada do BNG tamén demanda unha profundización das causas da continua baixada dos prezos do leite, por iso, solicita que, a través da Comisión Nacional da Competencia, se analice e se emita un Informe sobre a posible casuística deste problema, así como da negativa dalgunhas empresas á recollida da produción láctea.

O debate e votación desta moción poderá seguirse en directo através do canal parlamentar www.congreso.es

Sociedade