O consistorio arzuán axiliza os trámites para o acondicionamento do Parque Infantil

O consistorio arzuán axiliza os trámites para o acondicionamento do Parque Infantil

10 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Concello de Arzúa acordou na Xunta de Goberno, celebrada esta mañá, a adxudicación das obras de acondicionamento e mellora do parque infantil da localidade unha vez que xa se obtivo a oportuna autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e se asinou o correspondente convenio de colaboración coa Deputación Provincial. A empresa Construccións Deportivas Jo

O proxecto de acondicionamento e mellora da área de xogos infantil de Arzúa foi elaborado hai uns meses polo Goberno Municipal para presentalo ante a Deputación da Coruña coa finalidade de que o ente provincial contribuíse a financialo a través do Plan Especial de Parques Infantís 2009. O custe total do proxecto ascende a 67.628,43 euros, dos que a Deputación Provincial aporta a cantidade de 57.480 euros, debendo poñer o concello a cantidade de 10.144 euros.

Deste xeito, nos vindeiros días darán comezo uns traballos que conlevarán o acondicionamento integral do entorno coa finalidade de dar cumprimento ás normas de seguridade que establece o Decreto 245/2003, de 24 de abril, de seguridade nos parques infantís.

Na actualidade o recinto non conta con peche ou valla perimetral que impida que os menores poidan saír directamente á rúa, esta actuación, segundo o Alcalde, Xaquín García, “considérase prioritaria xa que non é plantexable o seu desprazamento”. Unha vez feito o cercado a seguinte actuación consiste en dotalo dunha superficie ou chan brando sobre o que poidan caer os menores no uso dos elementos de xogo, permitindo a axeitada absorción de impactos podendo amortizar os golpes. Farase tamén unha incorporación de novos elementos de xogo xa que parte dos existentes encóntranse deteriorados e con difícil recuperación.

Xaquín García adiantou ademais que “con esta intervención pretendemos tamén facilitar o acceso de todos os menores con algún tipo de discapacidade de xeito que crearemos un acceso dende a feira facendo unha entrada no recinto por esta banda, non sendo preciso usar as escaleiras”. A actuación complementarase coa instalación de paneis informativos segundo o establecido no Regulamento.

Finalmente, o Alcalde concluíu que con esta actuación “se mellora un servizo que entendemos como fundamental para un sector de poboación do noso concello” e engadiu ademais que “atendemos así unha petición dos nosos veciños, ofrecendo unha área de xogos completamente renovada e coas garantías precisas para velar pola seguridade dos máis cativos, o que constitúe un dos principais obxectivos do noso goberno”.

Sociedade