O Consorcio de Santiago convoca o I Concurso de “Canteiros no Obradoiro”

O Consorcio de Santiago convoca o I Concurso de “Canteiros no Obradoiro”

11 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Fundación Laboral da Construción e o Consorcio de Santiago veñen de convocar o I Concurso de “Canteiros no Obradoiro”, que terá lugar o 26 de xullo na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.

O certame está dirixido a canteiros, empresas e centros de formación de España e Portugal que traballen habitualmente o granito. A proba consistirá no labrado manual dunha lousa como as que forman o pavimento da Cidade Histórica, partindo dunha placa irregular deste material. Os canteiros terán un tempo de seis horas para rematar o traballo e o xurado terá en conta, ademais do tempo empregado, a corrección na elaboración dos diferentes planos e dimensións, dos acabados, así como o emprego correcto das ferramentas, o cumprimento das medidas de seguridade, a ergonomía no traballo e a organización e limpeza do seu posto.

 

Haberá un único premio de 1.500 euros e un máximo de 5 accésits. O gañador tamén verá colocada a súa lousa nunha das rúas da cidade, coa súa marca de canteiro.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de xuño e as solicitudes realizaranse por medio do boletín que está dispoñible na páxina web: http://galicia.fundacionlaboral.org, e deberá ser remitido por fax ao número 981 801 613, correo electrónico, ao mail flc.galicia@fundacionlaboral.org, por correo certificado ou persoalmente á dirección da Fundación Laboral da Construción de Galicia: A Poboa s/n – Montouto 15886 Teo-A Coruña.

Sociedade