O Corpus en Ares ule a rosa e café

O Corpus en Ares ule a rosa e café

05 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As flores volven sementar as ruas de Ares de arte relixioso na sua maior parte, pero a veciñanza derrocha creatividade para sorprendernos cada ano polo Corpus. Esta noite a vila aresá triplica a poboación grazas á curiosidade que desperta esta festa do primeiro domingo de xuño. Máis dun kilómetro de debuxos que elaboran tres xeneracións, man a man.

As ruas a engalanar son as mesmas de todolos anos, en total arredor dun Km de adornos coas flores que os veciños e veciñas foron recollendo dias atrás. Cada tramo é responsabilidade dun grupo que compite sanamente cos demais, un traballo solidario que arrastra ás veces ao visitante a acabar cos xeonllos no chan poñendo o seu grao de area. Area, cunchas, graos de café, e outros elementos amais das flores e do verde sirven para confeccionar as alfombras florais de Ares que cada ano son un reto, segundo manifestacións do alcalde aresán, Julio Iglesias, a Radiofusión. Na noite de sabado confecciónanse as alfombras de Ares, ata ben entrada a madrugada. Unhas horas despois, o domingo ás 5 da tarde, a procesión do Corpus pásalles por riba, daí que “o efímero, por tal, confirelle máis valor ás cousas” 

Sociedade