O CPXG respalda á familia de Couso

O CPXG respalda á familia de Couso

12 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) apoia a protesta da familia do cámara ferrolán, José Couso, asasinado en Bagdad por militares norteamericanos, contra a reforma promovida polo Goberno para rematar coa competencia dos tribunais españois para investigar crimes contra a humanidade cometidos no estranxeiro. O Colexio considera, ao igual que os familiares do cámara galego, que coutar a xustiza universal é asegurar a impunidade dos que asasinan

O Colexio tamén sinala que os xornalistas son testemuñas incómodas en calquera conflito, e medidas como esta supoñen retirarlles unha das poucas proteccións que tiñan, a de agardar que algún día os culpables da súa morte serán xulgados, fosen quen fosen.

A familia Couso leva agardando once anos a que os presuntos culpables, perfectamente identificados, sexan postos diante dun tribunal, pese aos atrancos de institucións que deberían defender os intereses dos cidadáns españois, como o Goberno ou a Fiscalía Xeral.

O próximo 8 de abril cumprirase o 11º cabodano de José Couso. Os seus familiares e amigos seguen reclamando xustiza nun proceso, que se extende no tempo e nunca dá concluído, para castigar aos culpables.

Sociedade