O decreto antidéficit do Goberno péchalle a billa do crédito aos concellos

O decreto antidéficit do Goberno péchalle a billa do crédito aos concellos

24 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O decreto lei contra o déficit público do Goberno central viña cun estrambote que vai condicionar a capacidade de investimento municipal. Os concellos e as entidades dependentes deles terán que sobrevivir sen botar man de crédito público nin privado a longo prazo ata o ano 2012. Así figura na redación final do decreto publicada no Boletín Oficial do Estado desta xornada de luns.

O texto sinala que as administracións locais non poderán acudir ao crédito "en calquera das súas modalidades para o financiamento dos seus investimentos nin substituír total ou parcialmente operacións preexistentes, fóra daquelas que en termos de valor actual neto resulten beneficiosas para a entidade por diminuír a carga financeira, o prazo de amortización, ou ambos". Xa que logo, o Executivo quere frear o alto endebedamento dos concellos prohíbindolles contraer máis débeda durante dous anos. Cómpre salientar que, ao remate de 2009, os municipios de todo o Estado debían case 35.000 millóns de euros.

As restricións decretadas polo Goberno ván máis aló, xa que afectan tamén ás operacións de crédito a curto prazo: esas débedas terán que ser canceladas no mesmo ano da solicitude e non se poderá adiar a súa amortización. Asemade, o Executivo recomenda aos Concellos que o seu gasto público teña por obxectivo principal sanear as súas contas e sufragar os préstamos contratados, conténdose en todo o que se refire a financiar o investimento.

A Federación Española de Municipios e Provincias non valorou estas restricións e aprazou a mañá a súa resposta. Dende a Federación Galega tampouco hai comunicación ao respecto. Pero os efectos desta medida, que, xunto co resto do decreto pasará polo Congreso dos Deputados este xoves, xa comezan a agromar. O Concello de Vigo tiña pensado solicitar mañá un crédito de 27 millóns de euros para cadrar o seu plan financeiro e os orzamentos de 2010. A publicación do BOE colleu a contrapé ao rexedor Abel Caballero, quen concedeu que agora tocará estudar que alternativas existen para manter as contas da cidade olívica tal e como figuraban no documento orzamentario. Porén, defendía que o seu Concello tiña un nivel de débeda baixo en comparación con outros.

A oposición do Partido Popular no Concello de Vigo xa anunciou a presentación dunha moción para reformular uns orzamentos que, ao non poder acudir ao crédito, son, segundo o voceiro do PPdeG, José Manuel Figueroa, “irrealizables”.

Institucional