O dia despois

Nunca Fene vira tantas zonas anegadas
19 de Decembro, 2019 - 02:24 h. | Publicada por Radio Fene

O rio Cádavo medrou de tal xeito que inundou toda unha zona de Perlío como non se recorda. As precipitacións caídas afectaron a outras zonas que non soen anegarse.

ESCOITA O PODCAST:

A borrasca Elsa deixou a noite en branco para moitos veciños e veciñas de Fene como doutras partes de Galicia. O anegamento da rúa Río Cádavo en Perlío inutilizou garaxes, portais e inmovilizou vehículos. Caeron máis de cen litros de auga por metro cadrado. No momento en que isto coincide coa marea alta, sempre pasa o mesmo, que o rio se desborda. O Concello de Fene depositou sacos de area nas marxes do Cádavo para intentar evitar o anegamento da zona do Ameneiral.

Tamén houbo inundacións no parking de Mercadona en San Valentín, no garaxe do edificio da praza do Perla, e nas inmediacións da Casa da Cultura onde o alcantarillado non tragou a cantidade de auga caída durante toda a xornada. Amais do centro de Fene, houbo problemas coa auga no monumento ao Camiñante en Barallobre, en Sillobre e Limodre.

O pronóstico é que volverá chover neste xoves dezanove de decembro, pero agardemos que non tanto coma onte. Policia local, protección civil e operarios municipais traballaron na zona ata pasada a unha da madrugada. Hoxe estanse avaliando os danos e correxindo desprendementos de terra ou chorreando os viais para retirar a lama. O concello permanece alerta nas próximas horas por se se reproducira unha situación similar. O alcalde, Gumersindo Galego, fai valoración dos danos causados pola borrasca.

Sociedade

Publica o teu comentario agora