O director de Navantia asistiu á inauguración de “Gigantes” en Fene

O director de Navantia asistiu á inauguración de “Gigantes” en Fene

10 de Abril, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde, Gumersindo Galego, presidiu o acto de inauguración da exposición “Gigantes”. Un acto que contou coa presenza do director de Navantia Fene-Ferrol, Julio Martín Ramos; o xerente da Fundación Exponav –que produciu a mostra-, José María Cardona; o director técnico da exposición, Tono Martín, e o catedrático na área de Construccións Navais da UDC, José María de Juan, entre outros.

"Gigantes" recolle o auxe que significou a construción dos maiores petroleiros do mundo botados desde bancada. É a época, entre 1964 e 1982, de maior actividade, progreso e empuxe do estaleiro ASTANO, icona da nosa ría e berce, xunto coa E.N. Bazán, do maior emporio técnico naval do país. Entre os anos 1967 e 1983 rexistrouse un pico de actividade histórico no estaleiro Astano.

Astano construíu 38 buques petroleiros nese intervalo de tempo. Estes buques abarcaron un amplo espectro en canto á súa tipoloxía, desde os pequenos petroleiros de distribución de 500 TPM para Campsa, até o maior buque construído en bancada inclinada para o armador “Gulf Oil Corporation” . A mostra inclúe paneis, maquetas e material audiovisual cedido por Zenit Producións, Televisión de Galicia e o Centro Galego de Artes da Imaxe.

Sociedade