O documental Espertar proxéctase mañá na casa da Muller de Ferrol

O documental Espertar proxéctase mañá na casa da Muller de Ferrol

30 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Muller de Ferrol acollerá mañá martes, 1 de decembro, ás sete da tarde, a proxección do documental realizado pola ONG Axuda en Acción "Dindlimuka" (Espertar) co gallo da celebración do Día Internacional contra a Sida. O filme propón unha viaxe pola realidade da sociedade Mozambiqueña e a súa loita contra a sida, a pobreza, as desigualdades de xénero e a falla de acceso á educación.

Segundo explicou a Concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, este documental chega a Ferrol logo de pasar xa pola cidade de A Coruña.

O Concello de Ferrol ten xa colaborado coa organización non gubernamental Axuda en Acción en diversas accións de sensibilización social e concienciación. Na presentación deste filme, a concelleira de Benestar estará acompañada da representante de Axuda en Acción, Paula Rojas.

Como remate do acto está prevista unha charla a cargo da membro do Comité Anti-Sida de A Coruña-Casco, Sonia García, que falará sobre a realidade que se describe no documental. A continuación haberá un coloquio  co público asistente.

Cultura