O Druida

O Druida
14 de Maio, 2019 - 01:20 h. | Publicada por Radio Fene

En Galicia na década dos 80 xurdiron como cogomelos os Pub, abreviatura dos Public House británicos, esas tabernas tradicionais inglesas. Era a moda. Estes “Pub” xurdiron e encheron a comarca de lugares de encontro para todas e todos con nomes como: “Tizzas”, “O Lindo”, “Quelíceros” ou “Vanellus”, foron puntos de encontro para a “movida comarcal”, para a xente nova que devecía por ter preto da casa as mesmas oportunidades que os vigueses ou os madrileños.

ESCOITA O PODCAST:
Pub Cruida. Fene

Á fronte destes establecementos estaban case sempre xente nova e emprendedora; e moitos deles ofrecían, ademais dun lugar de copas moderno e con encanto, diversos actos culturais e con matices artísticos que permitían á xuventude desenvolver a súa creatividade ademais da oferta de ocio; e alí se organizaban concertos musicais, festas de disfraces, sesións de pincha discos ou diversas exposicións; é o caso do Pub Druída que durante máis dunha década convocou a moita xuventude da comarca cun programa extenso de actividades ademais dos servizos clásicos deste tipo de locais.

Naquel tempo sendo eu rapaz, traballador de ASTANO, veciño de Fene, home de teatro e creador, fun cliente do Dru, que era como lle chamabamos entre nós para abreviar; e alí, ademais de conectar coa xuventude da comarca e de facer boas amizades, desenvolvín unha parte da miña vida creativa e artística.

Lembro con especial atención o mural figurativo expresionista que Mari -a do Dru- me encargou a toda cór e que subía polas escaleiras de acceso ao piso superior, onde estaba aquel billar profesional no que tantas partidas temos xogado; naquel muíño restaurado que estaba atravesado polo Río Cádavo que se podía escoitar antes de que entrara o público.

Aquel piso superior, onde antes estaba o faiado do muíño, foi tamén escenario de algunhas exposicións; quero lembrar entre outras a colectiva denominada “Druidart Fenicio” na que Alfredo, Míguez, Nando, Plácido, Quintía, Xosé e mais eu expuxemos: tecidos, fotografías, diapositivas, barro, tallas, óleos, esmaltes, e cómic; e que tivo no Concello a súa réplica coa tamén colectiva “Artefene”, na que tamén participei con Emilia M., Loureiro, Xaquín Marín, Maroño, Pérez Porto, Alberte Permuy e Sendón. De Artefene aínda se poden ver espallados pola Casa do Concello cadros de todos nós, mais de Druidart Fenicio e do propio Pub Druída, pouco ou nada queda a non ser nós, catro paredes que comezan a esboroar e algunhas lembranzas na nosa memoria.

 

Francisco Oti Rios

Cultura

Publica o teu comentario agora