O emblemático Centro Galego

O emblemático Centro Galego
30 de Outubro, 2019 - 11:49 h. | Publicada por Radio Fene

Despois do Capitolio, quizais o Centro Galego sexa o edificio máis emblemático da Habana. Alberga na actualidade o Teatro Alicia Alonso, pero tamén as oficinas da asociación Naturales de Galicia (fundada en 1871)  e de moitas micro-sociedades de emigrantes galegos. A súa supervivencia no tempo é parte xa do patrimonio da nosa terra. Aquí foi onde por primeira vez se interpretou o himno galego.

ESCOITA O PODCAST:

Marisa Naveiro e Xosé Luis Paz falan do Centro Galego na Habana

http://173.255.131.18/audio/301019PAZ.mp3

Placa da Agrupación Instrutiva de Caamouco á Federación de Sociedades Galegas en Cuba

O Centro Galego da Habana construíuse entre 1907 e 1915 cun custo de 1,5 millóns de pesos. O arquitecto seleccionado nun concurso foi o belga Paul Belau e a firma construtora Purdy & Henderson. Ademais do señorial teatro, conta con dous salóns de baile, tesourería, restaurante e cafés. O estilo descríbese como renacemento español ou  francés, tamén con elementos do barroco.
Viaxe de Caamouco

Cincuenta e seis persoas participaron na viaxe organizada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco a Cuba para reencontrarse co lugar onde viviron e traballaron os seus antepasados. A expedición visitou, entre outros lugares, o Centro Galego. A agrupación de Redes entregoulle unha placa conmemorativa aos directivos da Federación de Sociedades Galegas en Cuba.

Segundo o historiador Guillerme Llorca, “a partir de 1853, coincidindo cun “ano da fame” -por mor das chuvias catastróficas que estragan as colleitas- e cunha Real Orde que autoriza legalmente a emigración, desátase un éxodo migratorio de carácter masivo, pois o sistema produtivo do país era incapaz de satisfacer as necesidades de subsistencia. Ao mesmo tempo, varias repúblicas hispanoamericanas trataban de atraer os emigrantes para fomentar o desenvolvemento económico, coincidindo coa abolición da escravitude nalgunhas delas, como Cuba en 1886. Ao longo do século, máis dun millón de galegos saíron dos seus fogares para alén mar na procura dunhas condicións de vida máis dignas”.
 
LLORCA FREIRE, GUILLERME. Ferroláns en Cuba. Ed.Embora. Ferrol. 1997.

Cultura

Publica o teu comentario agora