O escritor Xerardo Quintiá no club de lectura Lendo Contigo

O escritor Xerardo Quintiá no club de lectura Lendo Contigo

26 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A Bibliotéca Pública de Gondomar celebrará o vindeiro sábado día 28 a segunda sesión do Club de Lectura Compartida "Lendo Contigo" que organiza a asociación Espazo Lectura. Os libros propostos para esta ocasión son A verdadeira historia do burro Feldespato, dirixido a nenos e nenas de 7 a 9, e Ke-tumba Ke-tamba para os de 9 e 10. A sesión deste sábado contará coa participación do autor dos mesmos, o escritor lucens

Un dos libros propostos Ke-tumba Ke-tamba conta a historia dun indio da tribo dos tarambainas que non quere ser tan "salvaxemente salvaxe" como os seus irmáns.A obra foi finalista do premio de narrativa infantil Raíña Lupa. A verdadeira historia do burro Feldespato, achéganos ó relato da vida dun burro namorado da súa dona, Marica Pendella, que dorme por causa dun feitizo e só esperta cada cen anos.Ámbalas dúas obras están editadas por Galaxia e son da autoría do escritor lucense Xerardo Quintiá. Nado na localidade lucense de Friol no ano 1970, Quintiá é autor de máis dunha ducia de títulos de narrativa e poesía entre os que salientan Poesía en ruta, galardoada co Premio Fermín Bouza Brey de Poesía, Finísimo po nas ás, Un rabaño de ovellas brancas ou O libro dos aparecidos.

As actividades do Club de Lectura Compartida están dirixidas a nenos e nenas de entre 8 e 11 anos e aos seus pais e a elas asisten arredor de 60 persoas.Este club naceu como consecuencia do éxito das sesións de contacontos Contomar. A Asociación Espazo Lectura, logo das conversas cos directores de centros de ensino, decidiu organizar esta actividade co obxectivo de ampliar as súas actividades á franxa de idade de educación primaria. Polas sesións de Lendo Contigo teñen pasado xa escritores como Agustín Fernández Paz, Miguel Vázquez Freire, Antonio García Teijeiro, Fina Casalderrey e Cándido Pazó entre outros.

Cultura