O espectáculo do Teatro Negro de Praga chega a Vilalba o vindeiro mércores

O espectáculo do Teatro Negro de Praga chega a Vilalba o vindeiro mércores

07 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Concello de Vilalba xunto con Caixanova programaron, para o vindeiro mércores 13 de maio ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Carmen Estévez, a comedia do Teatro Negro de Praga que está inspirada na novela de K. Bürger “O Barón de Münchaussen”.

Este espectáculo, destinado para toda a familia, conta coa capacidade de sorpresa mediante a maxia e os trucos do afamado Teatro Negro da capital checa. Tamén haberá oco para unha serie de efectos visuais únicos, propios de películas animadas e de ficción.

 

Esta compañía é ben coñecida polo seu talento para cativar á súa audiencia con todos os elementos posibles do teatro: son, luz, música, baile, mimo e coloridos accesorios, creando unha verdadeira maxia visual e unha inesquecible fantasía. Esta compañía participou en diversos festivais internacionais, realizando xiras en 24 países de Europa, América ou Asia.

Presentación da revista de prevención de Drogas do Concello

Como parte do Programa de Prevención das Drogodependencias do Concello de Vilalba, a concellería de Benestar Social, Muller, Familia e Educación, achegará aos pais e nais vilalbeses unha nova edición da revista de prevención Familiar.

Este novo número centra a súa atención en aspectos tan relevantes na educación coma son a necesidade de comezar a prevención desde a infancia, analizando cales son os factores familiares vinculados a futuros consumos abusivos, así como unha visión xeral das habilidades básicas para fomentar a autoestima como medida de reforzo ante futuros consumos.

Esta revista será repartida entre os escolares do último ciclo de Educación Primaria e 1º curso de Educación Secundaria Obrigatoria de tódolos centros educativos do Concello.

Cultura