O espiritu rebelde de Angeles Rivera, da Pysbe de Ferrol

O espiritu rebelde de Angeles Rivera, da Pysbe de Ferrol

06 de Agosto, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Había mozas mellor preparadas ca min, pero eran máis dóciles e tiñan medo, e eu tiña que que ser a que pelexase coa dirección, porque sempre tiven un espiritu rebelde e loitador" afirma Angeles Rivera, unha das protagonistas do conflicto laboral da Pysbe en Ferrol (A Coruña) no 1967. O historiador Enrique Barrera recupera aqueles sucesos no libro "Traballo e solidariedade na Peninsular Maderera e Pysbe" editado pola asociación cult

Arredor de 300 persoas traballaban na PYSBE, factoria de bacallau que funcionou en Ferrol entre 1945 e 1973. A fábrica ocupaba unha extensión de doce mil metros cadrados na zona do ensanche do porto da cidade. Inaugurouse a instalación industrial nos primeiros dias de febreiro de 1945, según indica a guia de Ferrol publicada nese mesmo ano.

"Pesquerias y secaderos de bacalao de España", a PYSBE, era unha empresa con domicilio social en San Sebastian. Ademais da fábrica de Ferrol, tiña outra factoria en Pasajes de San Juan. Contaba cunha flota de trece barcos, oito de motor e cinco de vapor. Ningunha das duas factorias tiña asignada flota propia, senón que os barcos destinabanse en ruta segun as posibilidades de explotación, e as comenencias da empresa.

A capacidade de producción da PYSBE alcanzaba as 15.000 toneladas anuais. No momento da inauguración da factoria ferrolana, era o seu director Manuel Iñarra, presidindo o Consello de Administración Luis Pradera. Según a guia de Ferrol de 1945, a PYSBE posuia maquinarias e instalacións modernísimas, especialmente os compresores de amoníaco e demais elementos imprescindibeis para a obtención do frio artificial, base principal da industria.

A factoria departamental bótase a andar en 1945, e durante 20 anos funciona en Ferrol sen excesivos problemas. No ano 1967 a dirección presenta un expediente de crise que pretende rescindir o contrato das 230 traballadoras que compoñían con caracter fixo discontinuo o cadro de persoal da empresa. A intención empresarial levou a que se montase unha das primeiras manifestacións cívicas e multitudinarias que se viviu durante o franquismo no conxunto do Estado. En Ferrol xa tivera lugar tamén a primeira folga da dictadura despois da guerra, a “do aceite” en xuño de 1946.

Conflicto laboral

O 13 de abril de 1967 preséntase o expediente de suspensión de contratos para as mulleres da PYSBE. Nesa mesma xornada concentranse ante a Delegación comarcal de sindicatos unhas mil cincocentas persoas, reclamando a anulación dos despidos. Formase unha manifestación que se dirixe á Praza de Armas. A Policia Armada impidelles o paso e se producen forcexeos e algunhas incidencias, según reflexa a prensa da epoca.

As “forzas de orde público” deteñen á operaria da PYSBE Maria Angeles Rivera Torres, e a trece traballadores de Bazan que se solidarizaran coa fábrica da zona portuaria. Houbo tamén varios feridos.
Os membros de Comisións Obreiras Rafael Pillado e Julio Aneiros ocupaban daquela cargos no sindicato vertical. Dende esa estructura, e a partir da Bazan, extenden o movemento sindical antifranquista. Así logran montar a Comisión Obreira da PYSBE. Tamén entran en contacto con Fenya e con outras empresas.

As empregadas da PYSBE gañaban en 1967 3.000 pesetas ao mes, según recolle a prensa da epoca. A man de obra era fundamentalmente feminina, polos baixos salarios e o carácter discontinuo dos contratos. Ademais, tradicionalmente o mundo dos secadeiros de bacallau asociábase ás mulleres. O traballo non era permanente senón que oscilaba ao ritmo das chegadas a porto dos buques.

Nos dias seguintes á manifestación do 13 de abril, a policia franquista deten a distintos sindicalistas de Bazan. Ao enlace sindical Ricardo Aneiros lle atopan na casa tres "Mundo Obrero", o periodico do Partido Comunista. No xuicio realizado no Tribunal do Orde Publico de Madrid, o fiscal pediu catro meses de arresto maior para cada un dos 14 ferroláns acusados de manifestación non pacífica. A empregada da PYSBE Angeles Rivera condenáronna ademais por agresión á un Policia que lle levaba trinta centímetros de estatura. Co apoio dos traballadores de Bazan, as mulleres da bacalladeira conseguen en 1967 o seu obxectivo, a estabilidade no emprego e evitar o despido. A PYSBE finalmente fechará ás súas portas en 1973.

As orixes da empresa

A firma Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España S.A. (PYSBE) xurde en Pasaia (Gipuzkoa) en 1919, sociedade constituida polo armador de Paris Luis Legasse e o propietario de Renteria Gandioso de Celaya. Supón a introducción dunha concepción capitalista e industrializada ao mundo da pesca. Naquel momento o bacallao consumiase en grandes cantidades en todo o Estado, ao tratarse dun peixe que, distribuido en seco, chegaba a todos os recunchos da península.

A PYSBE crea a súa sede social en Pasaxes e alí instalará a súa primeira factoria, ocupando unha extensión total de 22.000 metros cadrados. En 1936 obten unha concesión de caseque 15.000 metros cadrados no porto de Ferrol para construir un peirao e factoria para a manipulación e secado do bacallau. A factoria non poderá realizarse ata o final da guerra civil e da II Guerra Mundial, dado que este último conflicto obrigou a suspender a pesca en Terranova de xeito total nos anos 41 e 42 e de forma parcial nos 43 e 44.

Neses anos a política autárquica do franquismo pretendia facer da pesca unha das bases da alimentación nacional, un obxectivo dificil, pola carencia de flota e de caladeiros. A dictadura establece en 1942 medidas para a distribución do peixe a prezo fixo para que puidese adquirirse en todo o pais. Nese contexto o bacallau aumenta o seu “valor” xa que a súa preparación en salgado posibilitaba unha prolongada conservación, e o envio a poboacións alonxadas da costa e mal comunicadas.

En 1945 os 7 buques da PYSBE inician novamente a explotación dos caladeiros do bacallau, aproveitando a recuperación das pesquerías pola productividade biolóxica e o parón provocado polos conflictos bélicos. Nese ano a PYSBE captura 17.588 Tn de bacallau, do que desembarca en Pasaxes o 52% e en Ferrol o 48%. O monopolio da PYSBE romperáse coa aparición de PEBSA na Coruña, creada en 1933 pero que non inicia a súa actividade ata 1948. Logo xurdirá en Vigo, a COPIBA que tamén contará co apoio directo da dictadura.

Nunha memoria da empresa deses anos diciase que “en Ferrol se rematou a construcción de seis pavillóns dunha nova factoria que ocupa un extremo dos recheos do porto (Peirao Fernández Ladreda). A súa instalación consta de verdadeiras novidades e pode considerarse como un modelo polos seus métodos de secado e preparación do peixe. Estas instalacións duplicarán a producción total da Sociedade tan pronto como os seus barcos poidan adicarse á pesca do bacallau, é dicir que se poderán preparar unhas 14.000 toneladas anuais”.

Os buques da empresa realizaban as descargas e o avituallamento de xeito indistinto en Ferrol e en Pasaxes. O persoal de terra do conxunto da PYSBE (incluindo as factorias galega e a vasca) pasará dos 550 en 1945 a 781 en 1974. Os tripulantes dos buques eran 754 en 1953 e 624 en 1974.
Para dirixir a factoria ferrolana nomease en 1943 a Manuel Iñarra. Logo pasarán por ese mesmo posto Antonio Trecet, Mariano Granmillaojue e Javier Menárquez.

As capturas do bacallau aumentaron ata 1955, momento no que se experimenta unha inflexión provocada pola aparición doutras empresas e flotas internacionais que intensifican a explotación dos caladeiros. Ademais un enfriamento das augas de Terranova provoca o desprazamento dos bancos cara o sul e a mortandade dos especímenes máis pequenos.
As empresas pesqueiras sofren un novo impulso a raiz da Lei de Renovación e Protección da Flota Pesqueira de 1961. Permite a adquisición de novos barcos (con subvencións do 83% do valor do buque) e os préstamos estatais favorecen a renovación do aparello productivo e o aumento do tamaño das empresas.

PYSBE, en cambio, mantense practicamente ao marxe, sen aproveitar esas medidas para incorporar novas técnicas de conxelación. De todos os xeitos,o principal nemigo da empresa continuaba a ser a reducción das capturas, diante da esquilmación dos caladeiros. Os custes de explotación dos barcos incrementábanse ano a ano. O persoal era numeroso, non tanto na mar, senón en terra, en labores administrativas. E ademais, o prezo do bacallau estabilizouse. A empresa inicia un tímido intento de diversificación e de modernización da flota, pero a políica de comercialización continuará sendo nefasta. En 1973 o Consello de Administración demite en bloque. Ao ano seguinte preséntase o expediente de crise.

As condicións de traballo a bordo
A vida do mariñeiro en Terranova era durísima segundo comentan algúns dos seus protagonistas. Os 12 dias de travesía ata o Atlántico Norde provocaban grandes mareos, e logo alí habia que estar arredor de 60 dias sen ver terra. Alí había que faenar con temperaturas de ata 25 ou 30º baixo cero. O ferrolán Manuel Alonso realizou unha campaña do bacallau en 1976: “Botei tres dias mareado, con pan e limón ata chegar á altura das Azores, era terrible e logo faenabamos en condicións durísimas. Se caes ao mar, sabes que duras 3 minutos, porque no inverno te conxelas e no vrán é moi dificil sair coas botas e a roupa de abrigo que é preciso levar”
A bordo preparábase o bacallau, sacándolle as cabezas, e logo un mariñeiro abria o peixe e outro sacáballe a espiña. Caia nunha canaleta con auga e abaixo xa o salgaban. Todo o traballo facíase á intemperie, co perigo de cair do barco cun golpe de mar. Ademais debian limpar o peixe con auga fria. Non se podia utilizar a auga tibia que saía do motor principal, porque o bacallau podíase derramar.

O contrapunto do traballo no Atlántico Norde o poñia a chegada a porto. En Saint Jones, Halyfax ou Grimsby eran recibidos con auténticas festas. Entre 64 e 65 homes compoñían a tripulación de cada barco que enchian de “ambiente” os bares, restaurantes e cabarets da zona. Pero en canto remataban as reparacións do buque, había de novo que sair a faenar. Mágoa que a sobreexplotación dos caladeiros e as escasas perspectivas empresariais de futuro, provocaran o cese dunha actividade que ainda permanece na memoria de Ferrolterra.

Sociedade