O fútbol desde arriba

O libro de José Antonio Barcia Tuccelli acaba de ver a luz
12 de Novembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

El fútbol desde arriba, firmado por José Antonio Barcia Tuccelli e editado por MCSports, afonda nesta especialidade como unha suma de práctica deportiva e psicoloxía. O autor fenés interpela directamente a xogadores e adestradores, pero tamén á sociedade.

ESCOITA O PODCAST:

“El fútbol desde arriba é a aproximación a un deporte que se transcende a si mesmo e aos seus protagonistas. O fútbol tense convertido nun ben social e cultural que nos acompaña e emociona”. Preséntase así o libro que asina José Antonio Barcia Tuccelli e que xa está no mercado. En medio dunha pandemia que ten secuestrado o noso gozo do fútbol, aparece este ensaio da man dun escritor que mestura psicoloxía e práctica deportiva, dada a súa formación como profesional da educación física, a psicoloxía e o deporte. A alusión do autor a unha cita de Eduardo Galeano, di moito da intención deste estudo que afonda no fútbol como práctica deportiva pero tamén como emoción. “Na súa vida un home pode cambiar de muller, de partido político ou de relixión, pero non pode cambiar de equipo de fútbol” reflexiona Galeano.

Nunha das páxinas do libro, aparece un triángulo con tres palabras nos vértices: colectivo, individual e social. Todo iso é o fútbol. Un xogador percíbese como parte do equipo. O equipo percibe ao xogador como un dos seus. A repercusión social é incuestionable.  “O fútbol hai que sentilo antes que pensalo” é outra das máximas que descubrimos nun dos capítulos desta obra que fala tamén de emoción e paixón. Xa dixo Pep Guardiola “O meu único mérito é amar o que fago”. Unhas páxinas despois Barcia alude a outra máxima, nesta ocasión de Xavi Hernández; “A velocidade da cabeza é máis importante que a das pernas”. O autor dirá nestas páxinas que o modelo persoal é a suma de: momento, estado, andamiaxe e base. Ou o o que é o mesmo, cabeza, corazón, centro do corpo e pernas.
Trátase dun volume de fácil lectura no que o psicólogo fala directamente aos adestradores e aos futbolistas, pero tamén a todas as persoas interesadas no fútbol como manifestación cultural que atravesa irremediablemente as nosas vidas.

Deportes

Publica o teu comentario agora