O ferrolán descoñecido

O historiador Benitto Vicetto ten rúa, estatua pero é un descoñecido no seu Ferrol natal
30 de Xaneiro, 2019 - 10:43 h. | Publicada por Radio Fene

Ferrol lembrará a Benito Vicetto en catro xornadas daquí ao mes de maio. Catro visións para estudar a fondo a súa obra e a contribución intelectual do ferrolán a Galiza.

No 2018 cumpríronse 140 da morte de Benito Vicetto (Ferrol 1824- Ferrol 1878). A efeméride do xornalista, historiador, dramaturgo e novelista ferrolán pasou sen pena nin gloria. Porén, Benito Vicetto e a súa obra representan a maior contribución intelectual que deu un fillo de Ferrol ao seu país, entre outras cousas escribiu a historia de Galiza. Seguramente por iso é polo que foi tan incomprendido, pois se trataba dunha tarefa inxente e atrevida: demostrar que Galiza foi o reino más antigo da península e seguir, coa documentación como fonte, paso a paso unha evolución histórica, que, no sistema educativo, nas historias oficiais, simplemente dáse por inexistente.

A Sociedade Cultural Medulio e a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga decidiron dedicar un ciclo de conferencias a Benito Vicetto e, en concreto, á súa Historia de Galicia, que se vai desenvolver en catro palestras. A primeira, a cargo do historiador Rubén Labisbal, sobre Benito Vicetto e a súa obra, de carácter xeneral, terá lugar este venres, día 1 de febreiro, ás 20 horas, no local da Asociación de Veciños de Ferrolvello, que colabora así a esta homenaxe a quen naceu no barrio máis antigo de Ferrol, onde ten unha rúa co seu nome, Benito Vicetto. As seguintes palestras celebraranse os días 28 de febreiro, 5 de abril e 3 de maio, no mesmo local, versando sobre a visión histórica de Vicetto sobre Ferrolterra, Eume e Ortegal, nos contextos do reino de Galiza, nos séculos XII, XIII e XIV, a cargo, respectivamente, de Manuel Pita Gómez e Antonio Casal Velázquez, historiadores, e Francisco Rodríguez, escritor.

Cultura

Publica o teu comentario agora