O futuro máis inmediato do equipo

O futuro máis inmediato do equipo
26 de Abril, 2019 - 11:56 h. | Publicada por Radio Fene

A partir do experto francés en quiromancia Adolphe Desbarrolles e de Álvaro Cunqueiro, analisamos a man dereita do capitán do Perlio, Rubén Varela para intentar pronosticar o futuro máis inmediato do equipo. Partimos de certa falacia como é o identificar o destino do equipo co personalísimo do seu capitán. Pero tamén é certo, que a un capitán de brillante destino corresponderá, en certo xeito, o brillante destino do equipo. As mans falan, ás veces.

Perlío. Segunda Galicia de fútbol

Na man do capitán do Perlío, Rubén Varela, un monte de Venus moi claro, coa liña de cabeza atravesando toda a man horizontalmente. A liña do corazón ten ramificacións cara os dedos. Dada a forma da eminencia Hypothénar, é unha man sentimental. Se pasamos ao Perlío o que di a man, vemos un equipo inquedo, loitador, pero que non coinciden os esforzos que fai cos froitos logrados. Unha man honesta. Pronosticamos un empate que deixaría a resolución da Liga para a seguinte e última xornada.

O Perlío xoga co Valdoviño, o domingo ás cinco e media da tarde no campo de Caranza en Ferrol. Arbitra Daniel Barrera. O Perlío é lider con 47 puntos. O Valdoviño ocupa a segunda posición con 45. A vitoria do Perlío daríalle automaticamente a primeira posición e o ascenso de cantegoria á Primeira Galicia de fútbol. Un empate deixaría todo dependendo da última xornada. Se gaña o Valdoviño, terá todas as papeletas para o liderato, pero matematicamente non se concretaría ata o último partido.  Na última xornada – o 5 de xuño- o Perlío recibe ao Mugardos B e o Valdoviño visita ao San Mateo.

 

Artigo baseado na noticia elaborada por Alvaro Cunqueiro sobre os capitáns dos equipos galegos e publicada no Faro de Vigo o 19 de novembro de 1961.

Deportes

Publica o teu comentario agora