O GDR da Terra Chá presenta o seu Plan Reitor de Turismo para desenrolar esta actividade na chaira

O GDR da Terra Chá presenta o seu Plan Reitor de Turismo para desenrolar esta actividade na chaira

29 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Terra Chá puxo en marcha un Plan Reitor de Turismo co obxectivo de fomentar esta actividade económica e poder atraer a empresas deste sector á bisbarra. O plan foi presentado durante unha xuntanza  que tivo lugar onte, 28 de xaneiro, na propia sede da organización chairega e que contou con todos os alcaldes da comarca, salvo os de Abadín e A Pastoriza, e con representantes da Universidade de Santiago de Compostela

O Plan, que ten un orzamento que chegaría ata os 100.000 euros, divídese en dúas fases. A primeira, que tería lugar nos próximos 3 meses, contaría con 30.000 euros, mentres que a segunda, se desenrolará entre maio e setembro, terá 70.000 euros de presuposto. As principais accións a desenrolar serán unha serie de seminarios e visitas nas que participarán diversas empresas do sector turístico. Ademais, durante a reunión  concretáronse os contactos cunha empresa para a creación dunha páxina web interactiva na que se amosasen, a través da rede e  teléfono móbil, todas as posibilidades e actividades que se poden levar a cabo na comarca. AS sedes deste plan serán Vilalba, Guitiriz e Castro de Rei.

 

 

Potenciar a oferta turística

A intención do GDR é “potenciar as posibilidades turísticas da Terra Chá e que haxa unha oferta atractiva para que o número de visitantes aumente, pero non para que sexa algo conxuntural, senón para que se queden e repitan”, dixo a responsable de turismo deste organismo, a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín.    

A edil guitiricense defendeu o “potencial turístico da zona” e adiantou que varias empresas importantes deste sector se quedaron “impresionadas”, porque “a zona ten moitos recursos aínda sen explotar”. A responsable chairega afirmou que se farán “diversos paquetes turísticos que terán diferentes actividades culturais, de ocio, deporte e tamén etnolóxicas, como o coñecemento de actividades tradicionais que aínda se fan”.

Outra das actividades a crear serán unha serie de rutas polas reservas da biosfera que existen na bisbarra e que se denominarán “Corredores Verdes”. Para desenrolar esta acción aproveitaranse “as sinerxias coa Universidade de Santiago” e a subvención Emplea Verde, que posúe o GDR.

Outro dos obxectivos deste Plan, segundo confirmou Polín, é que ao final de 2010 se cree “unha asociación  para levar a cabo unha serie de accións que permitan incrementar nun 10% a presenza de turistas na chaira”. Para elo, Regina Polín reclamou “a axuda de todos os axentes da zona, tanto sociais, económicos ou políticos, porque se fixo un bo investimento económico para atraer ás mellores empresas do país”.

 

Alta demanda de visitantes en FITUR

O alcalde de Cospeito e presidente da Mancomunidade da Terra Chá, Armando Castosa, que estaba presente no acto, fixo un balance moi positivo da presenza desta organización na Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid, e vinculou este éxito ás condicións que ten esta comarca luguesa.

“Quedámonos sorprendidos da demanda dos visitantes no stand da Mancomunidade en FITUR. Esta terra ten moitas posibilidades. Aquí temos de todo, auga, paisaxe, gastronomía, cultura, a xente... pero hai que saber vendelo, e para iso hai que levar adiante proxectos coma este, pero facéndoo desde a unidade. Debemos camiñar todos xuntos, todos os axentes sociais, para poder atraer aos turoperadores á chaira”, estableceu Castosa.

 

Disensións en Muras

Pero esa unidade á que se fixo referencia estivo a punto de fracturarse polas queixas do alcalde de Muras, Isaam Alnagm Azzam, de falta de compromiso e de atención ao seu Concello no citado Plan. Alnagm Azzam chegou a ameazar con saírse do proxecto se non se modificaba o texto e se lle daba unha maior presenza ao seu municipio. O edil popular dixo que a comarca non “é só Guitiriz ou Vilalba”, e que defendería a “Muras como se defendese á súa familia”.

A posición de Alnagm Azzam foi apoiada polo alcalde de Begonte, José Antonio Vázquez, quen considerou que se os concellos non figuraban no plan “os nosos cidadáns nos pedirán contas de por qué estamos na foto se non se consegue nada para o Concello”.

A mediación da propia Regina Polín; do alcalde de Xermade, Tomás Rodríguez, e do xerente do GDR, Anxo Fernández, reconduciron a situación ao incluír aos concellos que faltaban na primeira fase do Plan nunha segunda que se concretou a posteriori.

 

Páxina Web e promoción a través do móbil

A promoción da Terra Chá foi outro dos asuntos tratados na xuntanza, á que asistiu un representante da empresa Ittecno, que realizou unha páxina web e unha aplicación para o teléfono móbil para a agrupación dos 23 GDR de Andalucía.

A presentación realizada polo seu director, Ramón Fernández Regueiro, deixou moi bo sabor de boca nos alcaldes chairegos. Tanto, que desde o GDR pedirase a redacción dun proxecto específico para a zona.

A web e a aplicación de telefonía ten un buscador que agrupa a información en función das diferentes rutas que se poden facer con relación ás diferentes posibilidades que ofrece a comarca. Estas rutas pódense descargar posteriormente nos teléfonos, PDAs ou mesmo aos GPS.

Outra das partes que ten esta Web son tres blogs creados por tres periodistas que amosan aquelas rutas e accións mais chamativas que se poden facer nas diferentes bisbarras andaluzas. O número de visitas destas bitácoras é oscila entre as 12.000 da mais visitada á 7.000 do que menos. Tamén conta con presenza nas redes sociais, como Twenti ou Facebook.

Segundo adiantou Fernández Regueiro, a ferramenta que se fará para a Terra Chá limitará a súa acción a todo aquilo que marque o Plan Director de Turismo, pero cun esquema similar ao levado a cabo en Andalucía. Así, potenciaranse os aspectos mais destacables da comarca, tanto a través de información na web, como de blogs profesionais ou mediante un espazo de intercambio entre internautas.

 

Accións a levar a cabo

A primeira fase levará aos representantes de diferente turoperadores da península a Guitiriz, o 1,2 e 3 de febreiro. Nestas xornadas terán tempo de visitar o Balneario, o Campo de Golf, a Ruta da Auga e o Pantano de San Juan, ademais de manter sucesivas reunións cos representantes chairegos na Escola Habanera. O 22, 23 e 24 dese mesmo mes, a quenda será para Vilalba. A capital da chaira acollerá dous seminarios na Casa da Cultura, ademais de visitar o Parador de Turismo, a Ruta da Madalena e a Ruta do Queixo de San Simón.

En marzo será o momento de Cospeito, o 1,2 e 3 de marzo; coas visitas aos lugares do LIC Ladra-Parga e Támoga; Abadín, o 8,9 e 10, onde percorrerán o camiño norte, e Castro de Rei, o 15 de marzo. Ademais, levaranse seminarios en todos eses concellos.

A segunda fase, dotada con 70.000 euros de presuposto comezará en A Pastoriza, o 10,11 e 12 de marzo, cunha charla-coloquio sobre o patrimonio cultural como recurso turístico da Terra Chá,  na Casa da Cultura;  a posteriori farase unha visita guiada ao nacemento do Miño e a Bretoña, e un Seminario na Casa da Cultura.

En xuño acudirase, entre o 14 e o 16, a Begonte, onde haberá un relatorio titulado “A Pesca como recurso turístico da Terra Chá”, ademais dun recorrido polas Lagoas do Ollo e Lagoas de Riocaldo.

Para setembro, concretamente o 20,21, e 22 será o momento no que se debata en Muras sobre a Serra do Xistral como recurso turístico, antes de facer unha ruta por esta zona chairega.

A última das accións, que terá lugar en Xermade, estará condicionada pola data de celebración da Festa dos Cogumelos de Roupar, sendo o luns, martes e mércores anteriores á mesma, as datas escollidas para facer un seminario que tratará sobre os Cogumelos e outros produtos autóctonos como recursos turísticos na Comarca de Terra Chá, mentres que se acabará cunha Ruta guiada no parque eólico de Sotavento.

Sociedade