O goberno municipal de Castro critica a negativa do SERGAS a manter o Psiquiátrico no concello

O goberno municipal de Castro critica a negativa do SERGAS a manter o Psiquiátrico no concello

09 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A renuncia da Consellería de Sanidade ao mantemento do hospital psiquiátrico de San Rafael en Castro de Rei motivou as críticas do grupo de goberno, integrado polo PSOE, BNG e TEGA. Por boca do alcalde da vila, Juan José Díaz Valiño, o tripartito do concello chairego sentiuse “enganado e estafado”, e acusou aos responsables da Xunta, en especial ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, de “mentir na súa promesa d

O anuncio de que os edificios de San José (en Lugo) e San Rafael (en Castro de Rei) non terían cabida dentro do SERGAS foi realizado pola propia conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, nunha reunión mantida co presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, o pasado mércores 14 de outubro.

 

Tras analizar na xuntanza os documentos técnicos que non se levaran á Comisión Mixta e determinar os axustes en materia de recursos humanos á situación actual, a responsable autonómica deixou claro que non se fará cargo dos dous hospitais, e que o compromiso de Sanidade é o de realizar o traslado e a integración dos pacientes e profesionais dos dous centros ao novo hospital de Lugo. Farjas negou a posibilidade de seguir mantendo San Rafael e San José como parte das dotacións e o equipamento vinculados á Xunta de Galicia na provincia.

 

Esta decisión motivou o malestar do edil de Castro de Rei, Juan José Díaz Valiño, cos responsables provinciais do PP, como no caso do seu presidente en Lugo, Xosé Manuel Barreiro, ao que lle pediu que “dese a cara”. Ademais, acusouno de actuar cunha dobre intención cando “se cansou de repetir que era o bipartito o quería desmantelar o psiquiátrico de Castro cando agora son eles mesmos os que o fan".

 

“O que se demostrou con este anuncio foi que as promesas do PP non eran mais que un globo electoral, porque realmente non tiñan interese en manter este servizo en Castro de Rei”, dixo Valiño, quen tamén indicou que en caso de que o proceso remate coa perda do edificio, solicitará un aumento dos investimentos da administración autonómica na vila chairega.

 

De igual forma se amosou un dos socios de goberno de Castro de Rei, o BNG. Serafín Carballo, concelleiro do partido nacionalista no municipio manifestou que a actitude do Partido Popular nesta cuestión foi “claramente demagóxica”. Carballo considerou que os intereses do PP na defensa dos dous edificios eran “puramente electoralistas, tanto se ollamos ás promesas realizadas por Núñez Feijóo durante a campaña autonómica, como pola propia dirección provincial, ao mando de Barreiro”. O representante nacionalista acusou ao PPdeG de “non importarlles o que suceda co psiquiátrico de Castro de Rei”, e animou ao grupo municipal popular a “dimitir ou admitir a mentira ante a veciñanza”.

 

Ademais, Serafín Carballo cualificou de “moi necesaria” a permanencia destas infraestruturas en Castro e Lugo, xa que a provincia “ten moi poucos medios para poder tratar enfermidades psiquiátricas e centros de internamento para a cura deste tipo de doenzas”. Ademais, informou de que o grupo de goberno solicitou unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para ter a información precisa sobre a permanencia ou non de San Xosé e San Rafael. A xuntanza será determinante para decidir as medidas de presión “para loitar por esta infraestrutura”, en caso de que o psiquiátrico saia de Castro de Rei.

 

Pola súa banda, o número un do PP castreño, Francisco Balado, amosouse “sorprendido” polo anuncio da Xunta, xa que “todas as xestións estaban destinadas á permanencia do psiquiátrico en Castro”. Balado non quixo establecer unha posible solución ou outros usos para o edificio mentres que non haxa unha decisión “en firme”, pero o que si quixo facer foi contestar ás declaracións de Díaz Valiño.

 

Para o representante popular, as verbas do actual edil chairego non teñen sentido, xa que non se lles podía reprochar que non tivesen interese pola continuidade do centro, e afirmou que era o propio Valiño o que amosou o seu desentendemento desde o principio e se acudiu ás manifestacións foi por “vergoña”.

 

“A nós pódesenos acusar de non conseguir o resultado que pretendiamos, pero non de que non nos importase, algo que si lle podemos dicir ao alcalde, xa que, fai oito meses, cando gobernaba o bipartito, aceptou que San Rafael non permanecese en Castro e incluso dicía que se podía dedicar a outros usos, dándoo por perdido. Se el mudou de opinión e acudiu ás manifestacións organizadas polo Partido Popular de Castro de Rei foi por vergoña”, opinou Balado.

 

Gómez Besteiro pide unha entrevista con Feijóo
Pola  súa banda, o Presidente da Deputación, Xosé Ramón Gómez Besteiro, solicitou, novamente, por escrito, unha entrevista urxente co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, para abordar este tema.

Deste xeito, o responsable provincial reiterou, unha vez máis, a súa petición de manter unha xuntanza co máximo dirixente da administración autonómica, tal e como fixera os pasados  21 de abril, e 2 e 23 de setembro. Diante a ausencia de resposta e logo da decisión trasladada onte pola Conselleira de Sanidade, Filar Farjas, na que a Xunta se desvincula das propiedades dos centros sanitarios, Gómez Besteiro convocou unha reunión da Comisión de Seguemento co obxectivo de informar sobre os contidos da reunión que mantivo onte coa responsable autonómica, e de axilizar o proceso para culminar canto antes o proceso das transferencias.

Na reunión participaron o Deputado de Persoal, Melchor Roel; os representantes das catro organizacións sindicais: Comisións Obreiras, UXT, CSI-CSIF e CIGA; ademais do Xefe de Servizo de Recursos Humanos da Deputación e os Presidentes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa.

Desde a Deputación se expresou a vontade de sacar adiante o proceso de transferencias, unha das débedas históricas da Xunta con esta provincia. De feito, na reunión celebrada no mes de febreiro entre Deputación e o anterior goberno da Xunta quedaran pechados os aspectos patrimonais e económicos que condicionaban a transferencia. De todo o proceso só restaba completar pequenos aspectos da Comisión Técnica sobre Recursos Humanos. Unha vez concluídos os detalles finais destes traballos, estaba previsto asinar o traspaso con data 1 de xullo.

Sociedade