O gran capitán do galeguismo

O gran capitán do galeguismo
15 de Maio, 2020 - 12:25 h. | Publicada por Radio Fene

"O gran capitán do galeguismo. A gran figura do nazonalismo galego" Así definía a Castelao, Ricardo Carvalho Calero en 1986, con motivo do Congreso adicado ao rianxeiro polo centenario do seu nacemento. Don Ricardo léu a lección inaugural.

ESCOITA O PODCAST:

Entrevista a Carvalho Calero. Radio Fene novembro 1986

http://173.255.131.18/audio/150520CARVALHO.mp3

“Castelao, agora e sempre” Así titulou Ricardo Carvalho Calero a súa lección inaugural no Congreso sobre Castelao, organizado en Santiago de Compostela, con motivo do centenario do rianxeiro. O congreso celebrouse entre o 24 e o 29 de novembro de 1986, sendo Ramón Villares o presidente da comisión organizadora. “Era un ano propicio para xuntar a amigos e investigadores de Castelao. A personalidade e aportación de Castelao fan del unha figura permanente. Por iso o título quere significar que Castelao debe permanecer constante no centro da nosa atención”, explicou o profesor ferrolán deste xeito o título da súa lección inaugural.

Carvalho Calero estaba contento daquel convite porque, aínda que 24 anos máis novo que o de Rianxo, recoñécese amigo e colaborador seu. Consideraba o congreso como un encontro emotivo porque reunía a persoas que recordarían moitos momentos da vida de Castelao e a moitos mozos que aplicasen novos métodos científicos ao estudo da súa vida e obra. No parecer de Carvalho Calero ás alturas daquel ano 1986 quedaba moitísimo por facer para descubrir a Castelao. Recoñecendo que había cousas interesantes, manifestaba que eran insuficientes. Tiña esperanza en que aquel congreso reavivase a curiosidade e as investigacións. Quizás por defecto profesional, agardaba un maior estudo da súa faceta literaria. “ Foi un escritor profesional, afirmaba Carvalho, un dos innovadores da prosa galega”.

Cando fala de Castelao, de como era personalmente, Carvalho non dubida en describilo así: “ Era home dunha grande fascinación no seu trato, por iso servía de lazo de unión dos homes preocupados pola vida colectiva daqueles tempos”. “Era home no que se unían unha profunda capacidade sentimental e un gran sentido do humor. Esas dúas particularidades perfilaban a súa personalidade humana”, conclúe. Segue a decir o profesor ferrolán que a adicación política de Castelao restou á súa producción literaria “ a súa constante preocupación por escudriñar a alma galega e os seus problemas” explica. E pon como exemplo a vocación artística de Castelao que, afirma, apenas cultivou máis que como debuxante satírico e caricaturista.

“Foi un grande poeta do lapis da historia contemporánea do noso país” defíneo don Ricardo. Como dixera Ortega y Gasset, os homes son eles e as súas circunstancias, apunta Carvalho Calero, “Castelao é unha tarta que se quere repartir todo o mundo. Non sabemos cal sería hoxe a conducta de Castelao, pero sen dúbida é a gran figura do nazonalismo galego, a figura que une a todos os nazonalistas. O gran capitán do galeguismo”.

(Imaxe de Carvalho Calero na homenaxe a Castelao. Rianxo 1986)

Cultura

Publica o teu comentario agora