O grupo Sidonie inaugura hoxe o Festival da Fraga de As Pontes

O grupo Sidonie inaugura hoxe o Festival da Fraga de As Pontes

23 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A romaría conta cunha novidade este ano: a inclusión do festival Nabiza Rock, que tódolos anos se celebraba polas festas do Carme. Así, dende hoxe pasarán pola fraga de Dona Rita os ponteses Raze, Ogmios, SuperEfe, Que Cunda o Pánico, Bon a Chic e por último,Sidonie, a actuación máis esperada da noite. Durante toda a fin de semana asentaranse nas beiras do río Eume preto de 300 cabanas.

O sábado retomarase a festa a partir das 23:00. Os encargados de amenizala serán a Banda da Balbina, o ponteses Muxarega, o acordeonista canadiense Yves Lambert e o grupo sudamericano Ché Sudaka. Xa para o domingo, o último día de celebración, haberá a tradicional sesión vermú a cargo da orquestra Nova Palma despois da misa na honra ó Apóstolo Santiago.

Pola tarde, a charanga Os Ponteses amenizará a festa cun pasarúas a partir das 17:00 da tarde. O malabarista Roi Sixto ofrecerá durante o día un espectáculo no que porá en práctica varios trucos de maxia e amosará o manexo do diábolo e das mazas. Á demostración unirase un repertorio de chistes contados coa súa peculiar ironía.

Para evitar que se colen casetas sen permisos, o Concello de As Pontes habilitou un dispositivo polo cal as persoas que o desexen, pasen polas dependencias da Policía Municipal para recoller o número identificativo da súa caseta. Prevese que preto de 300 acampen ás beiras do río Eume.

O remate das festas vaino marcar a orquestra Nova Palma, acompañada pola Foliada. Coa actuación destas agrupacións acaban once días de festexos na localidade.

Sociedade