O II Concurso de Tapas San Simón da Costa abre o seu prazo de inscrición

O II Concurso de Tapas San Simón da Costa abre o seu prazo de inscrición

26 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Denominación de Orixe San Simón da Costa abriu o período de inscrición para a segunda edición do seu concurso de tapas de Vilalba. A participación está aberta a todos os locais de hostalería do ámbito municipal da capital chairega. Os interesados poden apuntarse, antes do día 10 de Marzo do 2009, nas oficinas do Consello Regulador da D.O.P. San Simón da Costa, situadas no 1º piso da Praza de Abastos de Vilalba,

Os establecementos poderán presentar unha única tapa, co requisito obrigatorio de contar como ingrediente co queixo de San Simón. As modalidades serán dúas: Tapa Tradicional e Tapa de Deseño. A primeira presentarase como se fai a cotío en cada local, sen ornamentación específica para concurso, e será gratuíta. A de Deseño conlevará a libre creación do elaborador e poderá cobrarse ata 1,50 € cada unidade.

O certame durará desde o xoves 19 de Marzo ata o domingo 5 de Abril e os locais concursantes deberán ter a tapa que presentan o concurso a disposición dos seus clientes e público en xeral, en cantidade dabondo e na súa oferta diaria.

O xurado encargado de valorar as creacións recorrerá os establecementos participantes para catar calquera das tapas, podendo facelo calquera día , entre o 19 de marzo e o 3 de abril, sempre no horario habitual de tapeo.

A entrega dos premios terá lugar o sábado día 4 de Abril nun acto que se celebrará na Praza da Constitución de Vilalba a partir das seis e media da tarde.

Sociedade