O IV MOVA, a oportunidade para o comercio pontés

O IV MOVA, a oportunidade para o comercio pontés

18 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O Concello de As Pontes, mediante o departamento de Industria e Comercio, xunto coa Asociación de Empresarios e Comerciantes de As Pontes, están xa a traballar na cuarta edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes (MOVA), unha cita coa que se busca impulsar o sector comercial local e que este ano batirá records de asistencia coa participación de 32  establecementos.

A Cámara de Comercio tamén respaldará a celebración deste mercado, que terá lugar o 1 de novembro, e que, en verbas da concelleira Montserrat García, se marca como segundo obxectivo concienciar aos veciños e veciñas da importancia de realizar as súas compras nos establecementos ponteses; compras que, tal e como subliñou García, redundarán positivamente na propia economía local, o que é moi necesario ante a situación actual de crise que se está a vivir.

E é que, tralo rotundo éxito do III Certame de Tapas Vila de As Pontes, que serviu para impulsar a hostalería local, dende o executivo local optouse por apostar fortemente, unha vez máis, polo sector comercial pontés con iniciativas coma este mercado que, ano tras ano, logra maior clientela.

Neste senso, a edil de Industria e Comercio definiu esta nova edición do MOVA coma unha gran oportunidade para dar a coñecer a ampla oferta de comercios cos que conta As Pontes, todos eles de gran calidade e con produtos que nada envexan aos que se poden atopar nas grandes superficies.

De feito, Montserrat García fixo un chamamento á cidadanía para que ésta aposte por realizar as súas compras en As Pontes, onde os seus establecementos son sinónimo de calidade, variedade e de proximidade.

Precisamente, desta gran diversidade comercial será posible ser testemuño directo o vindeiro 1  de novembro, con este cuarto mercado de oportunidades no que se unirán dende tendas de roupa, complementos ou calzado, ata postos de electricidade, seguros, axencias de viaxes, produtos de bazar, xogueterías ou librarías que gozarán de candanseu lugar na carpa que se instalará na Avenida da Coruña e que, este ano, servirá de escenario para esta cita mercantil.

Por outra banda, a concelleira subliñou o gran éxito de convocatoria deste cuarto MOVA ao superar a trintena de postos, situación que non se viviu nin sequera no recentemente celebrado Outlet de Lugo onde o número de establecementos participantes a penas superou a vintena.

O MOVA permanecerá aberto en horario ininterrompido, entre as 10.00 horas e ata as 19.00, e no mesmo veciños e visitantes poderán facerse con diversos artigos ou servizos a prezos moi reducidos.

Asemade, os clientes tamén terán un segundo aliciente xa que coas súas compras recibirán participacións para o sorteo final de dous cheques de 150 euros, por xentileza da Asociación de Comerciantes e Empresarios de As Pontes, que se sorterán unha vez que se peche o mercado.

Sociedade