O local da xuventude e o mercado de abastos

O local da xuventude e o mercado de abastos

22 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Un novo regulamento rexerá o funcionamento da Praza de Abastos de Ordes, segundo o aprobado esta mañá polo pleno da Corporación. A normativa abre o mercado para que os produtores da zona poida ofrecer de xeito puntual os seus cultivos, favorecendo así o contacto directo cos consumidores.

O pleno do Concello de Ordes aprobou na sesión ordinaria celebrada esta mañá, o novo regulamento municipal da Praza de Abastos. Un regulamento co que, como xa explicara o grupo de goberno, se pretende actualizar o existente que ten máis de 30 anos, e regular o réxime de explotación do mercado.

Así, entre outras cuestións, a través desta nova normativa o Concello establecerá como zona para os postos de venda a planta baixa da praza, ofertando os diferentes postos a través dunha concesión administrativa. Ademais dos postos de venda permanentes, poderanse ofertar produtos da horta de xeito puntual, abrindo así ó mercado os produtos típicos de cultivo na comarca.

No pleno rexeitáronse tres enmendas propostas polo BNG ao respecto deste tema, a primeira delas na que solicitaban que toda a praza estivese destinada a postos de venda e non só a planta baixa. A esta cuestión o edil de Comercio e Industria, José Manuel Tobío insistiu en que non existe unha demanda suficiente para a ocupación da primeira planta, explicando ademais que nos 30 anos da praza nunca foi ocupado este espazo. Ademais volveu a lembrar que durante o ano pasado se mantiveron contactos con cadeas comerciais para a súa posible implantación nesta zona, proposta rexeitada dado á necesidade dun espazo maior por parte de ditas superficies comerciais. Aínda así, indicou que se nalgún momento houbese unha maior demanda bastará cunha simple modificación puntual do regulamento para facer uso comercial desta primeira planta.

A segunda das enmendas presentadas polos nacionalistas solicitaba aumentar o prazo de concesión que establece o regulamento. Aquí, o concelleiro ordense explicou que baseándose nun estudio do interventor, os 10 anos establecidos no regulamento son suficientes.

En canto á terceira das enmendas do BNG, na que pedían suprimir un apartado do regulamento no que se especificaba que en caso de obras poderíase pechar a praza ou os postos, Tobío explicou que “evidentemente en caso de que houbese obras proporíanse alternativas e solucións aos afectados, iso cae de caixón”.

Por outra banda, o edil de Comercio e Industria tamén quixo desmentir as acusacións dos nacionalistas sobre falta de diálogo e información sobre o tema, xa que tal e como explicou, houbo un período de exposición pública do regulamento, un período de alegacións, unha comisión informativa e falouse coa Asociación de Comerciantes de Ordes.

Finalmente o novo regulamento da Praza de Abastos foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno, os edís do Partido Popular e os do grupo dos non adscritos.

Local para a mocidade

Por outra banda o pleno ordense abordou tamén dúas mocións presentadas polo BNG, das que non se aprobou a urxencia. Unha delas na que se solicitaba a dotación dun local para a xuventude no centro do municipio.  concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade, Silvia Marín, explicou que non se aprobaría a urxencia desta moción, xa que o tema xa estaba tratado e solucionado. Así, indicou que tras manter conversas cos pais e nais que presentaron un escrito no Concello para solicitar este local para a mocidade, acordouse habilitar para este fin un dos locais dos baixos da Alameda que próximamente serán inaugurados.

Ademais Marín quixo destacar o gran número de alternativas dirixidas á xuventude coas que conta o municipio, como a biblioteca municipal con diferentes postos informáticos ademais do fondo bibliográfico, as instalacións deportivas, a escola de música municipal, ou o amplo abano de actividades que organiza o Concello, ademais da existencia de asociacións xuvenís que contan co seu espazo no municipio.

Radio Ordes

A segunda das mocións presentada polos nacionalistas fixo referencia á radio municipal. Neste punto foi o concelleiro de Comunicación, Manuel Astray, o encargado de defender o funcionamento da radio, negando as acusacións de falta de pluralismo verquidas polos nacionalistas. Astray asegurou que Radio Ordes é unha radio na que poden participar todos os colectivos ou partidos políticos e comprometeuse a convocar o Consello de Administración antes de que remate a lexislatura.

O edil incidiu en que unha mostra desta transparencia no tratamento dos contidos da radio municipal, é a emisión en directo de todos os plenos, e lembrou tamén que tal e como solicitara o BNG no pleno anterior, o próximo xoves celebrarase un debate sobre a Lei de Augas na emisora municipal.

Sociedade