O mellor

O mellor
12 de Marzo, 2024 - 08:04 h. | Publicada por Radio Fene

O número 64 da Rúa da Fraga foi o escenario escollido para o acto de entrega do Premio ao Mellor Mural do Mundo, que tivo lugar na tarde de hoxe. Aló é onde se atopa “A violonchelista de Fene”, un mural de grandes dimensións obra do artista madrileño Hugo Lomas -coñecido como SFHIR- que conseguiu conquistar tanto ao xurado experto da plataforma Street Art Cities -que fixo a preselección de murais candidatos a pasar á final- como ao público xeral, que co seu voto fixo que resultase gañador.

Durante a entrega do Premio de mans dos representants da plataforma Street Art Cities, desprazados desde Bélxica para a ocasión, SFHIR amosouse “moi agradecido polo recoñecemento recibido” ao que é o mural vertical máis grande de toda a súa carreira artística, e puxo en valor o traballo de proxectos como o Perla Mural Fest de Fene para a divulgación da arte urbana.

Os organizadores do Perla Mural Fest, Ramón Pereira e Fran Lage, e a tenente de alcalde de Fene, Sandra Permuy, coincidiron en destacar a importancia desta obra “como un novo reclamo turístico do Concello de Fene”, que recibe tanto ás persoas que chegan facendo o Camiño de Santiago como ás visitantes que se achegan especificamente a Perlío para velo en persoa.

Na súa intervención, Sandra Permuy parabenizou ao artista SFHIR “por ter sabido transformar unha gran parede nunha obra tan icónica, que semella cobrar vida”, e puxo en valor o traballo dos organizadores do Perla Mural Fest para poñer en marcha “un festival que xa é referente mundial desde a súa primeira edición”. Así mesmo, Permuy reafirmou “o compromiso do Concello de Fene con este certame”, pensando xa na segunda a edición, prevista para facerse entre o 12 e o 18 de agosto.

A tenente de alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para os organizadores de Street Art Cities “polo seu compromiso coa divulgación das expresións artísticas máis vangardistas” e para todas as persoas “que cos seus votos conseguiron situar a Fene no mapa mundial da arte urbana”.

Logo da entrega do premio, o Concello de Fene ofreceu unha recepción na que participaron o autor do mural, os organizadores do Perla Mural Fest, os representantes da plataforma Street Art Citis, entidades locais, membros da corporación e outras persoas convidadas.

Sobre o mural e o Perla Mural Fest

“A violonchelista de Fene” é o mural vertical máis grande de toda a carreira artística de SFHIR, e representa unha muller tocando o violonchelo. Coa noite, cando a veciñanza do edificio acende a luz das escaleiras, ilumínanse os trastes do violonchelo, o que fai que o mural semelle cobrar vida.

O Perla Mural Fest celebrou a súa primeira edición entre o 7 e o 13 de agosto de 2023. Trátase dun festival de arte urbano que pretende render homenaxe ao recinto do Perla e o seu legado, como centro cultural icónico de Fene e do conxunto da comarca entre as década dos anos 60 e 80. Durante a súa existencia, o Perla chegou a albergar un cinema, unha cafetaría e até un salón de vodas nos seus últimos anos.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora