O mellor queixo de España é galego

O mellor queixo de España é galego

08 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A queixería Catadoiro de Vilaba vén de recibir o premio ao “Mellor queixo 2009” no marco da Feira Alimentaria celebrada en Barcelona. Un galardón que promociona a Denominación de Orixe “San Simón da Costa”. A queixería chairega comezou a funcionar a finais dos anos 80 coa intención de recuperar unha tradición secular que ata entón se facía de forma totalmente manual. Foi a primeira queixería que uniu a

Na queixería Catadoiro prodúcese queixo con Denominación de Orixe de “San Simón da Costa” con leite de vaca, de pasta semidura, afumada con madeira de bidueiro. Isto xunto a unha curación de 50 ou 60 días dá como resultado un produto de calidade cun sabor forte e afumado, explicou o propietario, Jesús Rey. Miman ao máximo todo o proceso de fabricación do produto ata que chega aos andeis dos supermercados, sinalou.

Por tradición, Catadoiro, adicouse toda a vida a fabricación de queixos. Tras ampliar a explotación, mesturaron o traballo artesanal coas vantaxes que lle daban as novas máquinas, “pois deste xeito non poderíamos sobrevivir”, aclarou Jesús Rey.

A zona de producción do leite para a elaboración de queixo amparado pola Denominación de Orixe protexida “San Simón da Costa” está constituida pola área xeográfica que abrangue a comarca da Terra Chá, composta polos concellos de Vilalba, Muras, Xermade, Abadín, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.

O queixo con denominación de orixe “San Simón da Costa” prodúcese en dous formatos: grande entre 0,8 e 1,5 kg, e unha maduración mínima de 45 días e o pequeno ou “bufón”, de 600 gramos aproximadamente, cunha maduración mínima de 30 días. O prezo do quilo ronda os 18 euros.

Hoxendía a Queixería Catadoiro distribúe a nivel local, comunitario, nacional e internacional (E.E.U.U, Canadá, Australia ou Xapón).

Sociedade