O menú de Xosé

O menú de Xosé

20 de Agosto, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O orzamento para o xantar diario das persoas internadas nas Residencias de Maiores da Coruña pasou de seis a tres euros, neste mes de agosto. Os centros substituen verduras, carne ou peixe fresco por produtos conxelados e precociñados. O aceite de oliva cambiase polo de xirasol.

A Confederación Intersindical Galega denuncia os recortes que o Goberno galego está a impor nas residencias da terceira idade e nos centros de día, e que afectan directamente á calidade do servizo e as condicións dos usuarios e usuarias.

Entre as medidas aplicadas pola Consellaría neste mes de agosto, sinalan dende a central nacionalista, está a redución de 3 euros (50%) no orzamento para a comida por residente. Isto obriga a deixar de comprar verduras, carne ou peixe frescos -máis adecuados ás necesidades alimenticias das persoas maiores-  que son substituídos por produtos conxelados e precociñados, ao igual que ocorre co aceite de oliva.

Ao retallo na alimentación, engade Mar Peteira, Secretaria da Sección Sindical da CIG de Traballo e Benestar na Coruña, súmase a posta en práctica dunha norma do Sergas, que estabelece que cada residente con problemas de contención só disporá de 3 compresas para o día e 1 cueiro para a noite.

Os recortes tamén afectan á renovación de material avariado, obsoleto ou necesitado de recambios (camas, grúas, cociñas, fornos, lavadoras, calandras, secadoras), pois queda posposta por falta de orzamentos e a negativa a efectuar compras por parte da Xefatura Territorial ou o departamento correspondente de San Caetano.

Así mesmo, as actividades de tempo libre foron suprimidas dos centros sociocomunitarios polo que as persoas maiores usuarias destes centros quedaron sen talleres de memoria, clases de pintura ou ximnasia de mantemento.

“A esta situación engádese a política de estres laboral levada adiante por Beatriz Mato que impón xornadas abusivas de 7 días continuados de traballo, 2 fins de semana de cada 3, e a eliminación progresiva de prazas de atención directa nas residencias de maiores e centros de menores”, denuncia.

Fronte a este deterioro na prestación e na calidade nos centros dependentes de Benestar, dende a representación sindical do persoal laboral que traballa en residencias de maiores e centros de menores dirixíronse aos grupos con representación no Parlamento galego, para soliciten a comparecencia por vía de urxencia da conselleira de Traballo e Benestar, pois a cidadanía “debe ser informada desta situación de agresión aos servizos sociais, cando se recorta en necesidades básicas de atención directa e non se achegan solucións”.

A este respecto, alertan da existencia dunha lista de espera de 2.000 persoas para entrar nunha residencia, da utilización de medidas disuasorias para usar os Centros de Día -como o incremento do pago do transporte  de 25 euros a 60 euros mensuais-, mentres se mantén “un desorbitado número de asesores ao servizo da conselleira, cun custo anual de 350.000 euros", denuncian.

Sociedade