O mexillón de Galicia no Salón Internacional do Club de Gourmets en Madrid

O mexillón de Galicia no Salón Internacional do Club de Gourmets en Madrid

30 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa dende hoxe e ata o xoves, 2 de abril, no XXIII Salón Internacional del Club de Gourmets que se celebra no Instituto Ferial de Madrid (Ifema). Nesta cita, o departamento autonómico dará a coñecer o Mexillón de Galicia, a marca de calidade “pescadeRías, ¿de onde se non?” e o paté e a conserva de percebe co obxectivo de p

O departamento que dirixe Carmen Gallego asiste a esta cita un ano máis, despois da súa primeira participación no ano 2007 acompañando á Consellería de Medio Rural dentro do stand de Galicia, cun expositor de 384 metros cadrados. Dará abrigo así a case unha vintena de empresas e asociacións do sector conserveiro, acuícola e dos produtos delicatessen da nosa comunidade autónoma, así como do sector pesqueiro galego. Entre estas firmas destaca a presenza da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (Anfaco), ou do Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia, así como do Centro Tecnolóxico do Mar, que informará sobre os proxectos de diversificación dos recursos da pesca artesanal nos que está a traballar.

No marco desta feira e ao longo dos catro días de duración da mesma, a Consellería de Pesca desenvolverá nas súas instalacións un programa de actividades baseado, sobre todo, nas degustacións dos recursos pesqueiros frescos galegos, así como de produtos preparados, todos eles caracterizados pola súa excelencia e calidade. Deste xeito, hoxe mesmo desenvolveuse unha degustación de paté e pratos elaborados a partires de percebe en conserva, novos produtos que desenvolven na actualidade os pósitos da Guarda, Bueu e Baiona, no marco dun proxecto subvencionado pola Consellería de Pesca e que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar). Esta iniciativa, denominada “Xestión integral da pesqueiría do percebe”, ten como propósito xerar novos produtos con este recurso de ampla calidade e valor que nace das nosas costas, así como potenciar a súa comercialización.

Na xornada de mañá, na que o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca en funcións, José Manuel López Rodríguez, visitará a feira e aos coexpositores galegos, o stand de Pesca acollerá unha degustación de Mexillón de Galicia, un produto que conta co recoñecemento por parte da Unión Europea da Denominación de Orixe Protexida. Ademais, o mércores está prevista tamén unha degustación de produtos frescos amparados baixo a marca de calidade “pescadeRías, ¿de onde se non?”, un distintivo posto en marcha pola Administración pesqueira galega o pasado ano e que xa leva certificados preto de 650.000 quilogramos de especies pesqueiras e marisqueiras.

O  Salón Internacional del Club de Gourmets está considerado como un evento gastronómico e dedicado aos produtos de alta calidade de referencia a nivel europeo. Nesta vixésimo terceira edición, a feira contará con preto de 40.000 produtos expostos, entre os que destacan un total de 1.000 novos produtos, e con máis de 24.000 metros cadrados de exposición.

Dende que naceu, en 1987, esta feira desenvolveuse a partires da idea de divulgar a singularidade e bondade dos produtos goumets, é dicir, aqueles artesanais e industriais de máxima calidade, e de promover a súa imaxe. Así mesmo, partiu tamén da base de facer deste salón unha cita de índole comercial que propicie o contacto entre as empresas.

Institucional