O Ministro de Fomento, José Blanco, e o alcalde de Mondoñedo asinan o convenio que rehabilitará o entorno da Catedral

O Ministro de Fomento, José Blanco, e o alcalde de Mondoñedo asinan o convenio que rehabilitará o entorno da Catedral

26 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O proxecto de ordenación urbana do entorno da Catedral de Mondoñedo recibiu o derradeiro impulso antes de proceder ao seu desenrolo, logo de que na mañá de hoxe, 26 de outubro, o Ministro de Fomento, José Blanco e o alcalde da vila lucense, Orlando González asinasen o convenio que permitirá por en marcha esta rehabilitación de parte do casco vello mindoniense. O montante do orzamento, que correrá por completo a cargo do departamento que dirixe o

José Blanco afirmou que este convenio era un novo exemplo do compromiso do Executivo con Mondoñedo e coa provincia de Lugo. Pola súa banda, o edil mindoniense agradeceu o investimento de Fomento e considerou que a aspiración do equipo de goberno, formado por PSdeG e BNG, é o de “ser mais ambiciosos e ter un espazo digno e a gusto dos veciños en toda a vila, tanto no contorno da Catedral, como na Pontevella ou tamén na Praza de Alcántara, que vinos de inaugurar”. Orlando González puxo prazo para o fin desta obra, xa que se amosou esperanzado que no “prazo dun ano poda estar lista para que todos os veciños e os visitantes poidan facer uso e desfrute del”.

O propio González, ao ser preguntado sobre a situación económica do Concello, admitiu que era “complicada” pola “falta  de licencias de obra desde fai un tempo e pola propia crise, que nos afecta a todos”. Sen embargo, afirmou que “todo o goberno local está a traballar a reo para solucionar os problemas que poidamos ter para que Mondoñedo poida avanzar e mellorar”.

Mais dun millón de euros para a reordenación de espazos públicos
A cantidade de 1,1 millóns de euros destinarase á reordenación dos espazos públicos no entorno da Catedral, referidos á praza do Seminario e á Rúa da Fonte da localidade. No acordo subscrito se inclúen unha cláusula pola que o Concello deberá facerse cargo dos custes adicionais que superen o investimento de fomento.

O desenrolo dos traballos correrá a cargo do propio Concello lucense, quen se ocupará de realizar as contratacións, adquisicións ou tramitacións correspondentes para poder levalos a cabo.

Dentro do plan de actuacións asinado por Blanco e González compréndense as demolicións, desmontaxes, movementos de terra precisos, así como o control arqueolóxico, as bases e subases para pavimentación e os enlousados de granito e cuarcita.

Catedral de Santa María de Lugo

O ministro de Fomento, José Blanco, tamén aproveitou á súa visita a Lugo para reunirse co Obispo da cidade das murallas, Alfonso Carrasco, a quen informou da decisión deste departamento de levar a diante unha achega de preto dun millón de euros para a rehabilitación da Catedral de Santa María.

As actuacións que entrarían no convenio serían a restauración da fachada principal, contemplando a limpeza e melloras na pedra, a reparación de elementos metálicos, o selado e unión da fachada coas naves da igrexa, a reparacións das pranchas de chumbo existentes e o interior das dúas torres, así como a restauración da Capela Maior e o transepto.

Estas solicitudes deberán ser sometidas á aprobación da Comisión Mixta do Ministerio de Fomento-Ministerio de Cultura, que é a encargada da valoración e selección das actuacións a financiar con cargo ao programa do 1% Cultural.

Blanco confirmou que esta axuda “é unha excepción, porque Fomento non pode actuar nas Catedrais, pero o mal estado de Santa María, do que xa nos ten informado o bispo fixo obrigado que posibilitásemos esta actuación”.

“Orzamentos que serán un atraso para Galicia”

O responsable do ministerio tamén fixo referencia aos orzamentos da Xunta de Galicia, aos que a oposición do PSdeG e BNG someterá a unha emenda á totalidade no Congreso. “Estes orzamentos supoñen un recorte que fará retroceder de xeito importante a Galicia. A Xunta debería pórse a traballar dunha vez e o Conselleiro de Infraestruturas, o señor Hernández, debería comezar por cumprir as súas promesas e rematar a autoestrada de mais tráfico de Lugo, a de Sarria-Monforte-Ourense, ademais da conexión entre a A-6 e a cidade das burgas, que é preciso para desviar gran parte do tráfico da autovía de A Coruña”.

Referencia de Portomeñe ás detencións de 4 policías en Lugo

O subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, presente no acto, referiuse ás detencións de 4 policías nacionais onte na capital provincial en relación coa Operación Carioca, auspiciada polo Xulgado de Instrución número un de Lugo e que investiga unha trama de prostitución, tráfico de drogas e armas, branqueo de capitais e extorsión.

Portomeñe afirmou que o seu organismo “respecta o segredo sumarial que está decretado polo xulgado” e confía “no traballo que se está a levar desde o Xulgado de Instrución número 1 con relación a este tema”. O representante do Executivo en Lugo tamén pediu que se manteña “o principio de presunción de inocencia para os 4 detidos”.

Estes catro policías implicados están a ser investigados por presuntos delitos vinculados co tráfico de mulleres, revelación de segredos e contra os dereitos dos traballadores. Todos pertencen á escala básica, aínda que un deles con graduación. Tres dos axentes forman parte da brigada de Seguridade Cidadá e un pertence á Policía Xudicial.

A Operación Carioca xa involucrou a 11 membros das forzas de seguridade e mandos das policías nacional e local e a Garda Civil, ademais do anterior subdelegado do Goberno en Lugo.

Sociedade