O mundo do cabalo padeceu moito a crise económica

O mundo do cabalo padeceu moito a crise económica
05 de Xuño, 2019 - 10:55 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de cento corenta persoas espéranse este sábado na Séptima Ruta Cabalar de Magalofes. “O mundo do cabalo padeceu moito a crise económica pero se vai recuperar” manifestan Miguel Galego e Cristina Otero, que forman parte da organización dun evento que veu cubrir o papel que antes xogaba a Festa do Cabalo.

ESCOITA O PODCAST:
Miguel Galego e Cristina Otero, da Ruta Cabalar de Magalofes

A ruta sairá o sábado ás dez da mañá do local social de Magalofes e percorrerá uns vinte quilómetros por camiños da parroquia, de Cabanas e da Capela. A media mañá haberá unha parada e un refrixerio en Formariz e todo rematará cun xantar e un baile arrufado polo dúo Horizonte. O menú inclue paella, churrasco, crioulos, cachelos, postre, café e chupito. Todo polo prezo de vinte euros.

Ruta e festa do cabalo

A Festa do Cabalo celebrouse en Magalofes durante vintedous anos (1990 -2012). Reunía os últimos domingos de agosto a máis de sete mil persoas na campa das Queiras. Achegábanse a Fene a práctica totalidade dos afeizoados ao cabalo de toda Galicia. A iniciativa era posible polo esforzo da veciñanza de Magalofes que colaboraba activamente na organización. Ao longo de todo o día, programábanse concurso de beleza e estampa, cabalo galego do monte, pura raza española. Tamén probas de arrastre, andadura galega, enganches e carreiras, ademais das exhibicións do doma de alta escola e vaqueira. A organización corría a cargo da Asociación Veciñal de Magalofes coa colaboración do Concello de Fene.

Sociedade

Publica o teu comentario agora