O Museo de Lugo ofrécenos unha visita terapéutica polas instalacións de Mónica Alonso

O Museo de Lugo ofrécenos unha visita terapéutica polas instalacións de Mónica Alonso

15 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Museo Provincial de Lugo vén de inaugurar unha exposición individual e retrospectiva da artista fonsagradina Mónica Alonso. A mostra Mónica Alonso. Obras (1993-2011) ofrece un percorrido pola súa traxectoria a través dun conxunto de obras realizadas nas últimas dúas décadas. As devanditas obras preséntanse en formatos moi diversos incluíndo unha serie de gravados e debuxos realizados

A obra de Mónica Alonso está dedicada ao estudo das características perceptivas da cor e á súa aplicación sobre espazos arquitectónicos reais ou imaxinados. A súa práctica sitúase dentro dunha concepción da arte que reclama para si a produción dun coñecemento específico baseado en procedementos de investigación e experimentación artística. As súas maquetas e esculturas funcionan como prototipos utópicos ou modelos de representación do espazo social que habitamos. Estas baséanse nunha serie de teorías que a artista desenvolveu nos últimos anos sobre as propiedades terapéuticas relacionadas coa disposición do espazo e a aplicación da cor.

A exposición formúlase como un exercicio retrospectivo que intenta facer compatible un enfoque cronolóxico do traballo da artista coa articulación doutro tipo de lecturas cruzadas entre as obras que xeren novas formas de interpretar, contextualizar e documentar a ampla produción de Mónica Alonso.

Entre os percorridos temáticos propostos na exposición cabe destacar por un lado un grupo de esculturas que comprenden as diferentes variacións, realizadas ao longo dos anos, da cama como obxecto escultórico. Por outro lado introdúcese un conxunto de maquetas e esculturas baseadas en diversas propostas de arquitectura utópica e de organización de comunidades imaxinadas. Por último, inclúese a presentación das súas teorías artísticas e terapéuticas e a súa influencia sobre o deseño dunha serie de métodos propios de intervención sobre espazos institucionais reais, sexan estes, de índole artística, museística, clínica ou social.

Con motivo desta exposición a artista ideou unha intervención efémera sobre as salas do museo cubrindo o chan cunha superficie flotante de distintas tonalidades de cor carne. A cor aplicada sobre o chan da sala principal é unha cor carne rosada, mentres que na sala da instalación é unha cor de carne triste que envolve tanto o chan como as paredes. Este tipo de intervención relaciónase coa análise da cor carne que a artista inicia coa obra titulada As cores de carne (2006) e que se inclúe na exposición.

Con esta intervención sobre o espazo do Museo Mónica Alonso sitúa o espectador dentro dun contexto envolvente a partir do cal a percepción sensorial vai funcionar como guía dentro deste percorrido retrospectivo da súa obra.

Actividades complementarias

  • Presentación do libro de autor A obra onírica de Carme Casbelisa

    25 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela.

  • Presentación do catálogo da exposición Mónica Alonso. Obras (1993-2011)

    11 de maio de 2011, no MPlugo

  • Encontro coa artista

    Sábado, 2 de abril ás 12:00 horas.

  • Mesa redonda “A arte de habitar os afectos”

    Mércores, 13 de abril as 19:30 horas, coas intervencións de Mónica Alonso, Aurelia Balseiro, Miguel Anxo García, Alberte Pérez e Leire Vergara

  • Audiovisuais

    Mónica Alonso: construíndo o descanso

    Elena López. Ano 2009, 20”

  • Visitas técnicas para estudantes de arte e público xeral

    Martes, 15 de marzo ás 19:30 horas. A cargo de Rafael Lens, Dpto. de Belas Artes do Museo Provincial de Lugo.

    Martes, 26 de abril ás 19:30. A cargo de Rafael Lens, Dpto. de Belas Artes do Museo Provincial de Lugo.

  • Visitas guiadas para escolares

    Visitas guiadas para grupos de escolares de E. Primaria, ESO, BAC e ciclos. Cóntase cunha Unidade Didáctica.

    Para participar nestas visitas é imprescindible a concertación previa a través do Departamento de Didáctica do MPLugo, tfno.: 982242300/982242112.

  • Obradoiro para nenos/as de 6 a 9 anos

    As cores no Museo, impartido por Rafael Lens, Dpto. de Belas Artes do Museo Provincial de Lugo.

    Sábado 30 de abril de 2011, de 11:30 13:30 horas.

    Para participar é imprescindible a concertación previa a través do Departamento de Didáctica do MPLugo, tfno.: 982242300/982242112.

Cultura