O noso destino no reino das sombras

O noso destino no reino das sombras
02 de Xullo, 2020 - 09:30 h. | Publicada por Radio Fene

A escritora Xohana Torres morreu en 2017. Poucos meses antes traballou na edición do libro “Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos”. Fixo emendas, suxeriu fotografías e imaxinou como tiña que aparecer nas librarías. Púxolle unha paixón e unhas gañas como se fose seu primeiro libro. Trátase dunha viaxe ao mundo antigo a través dos seus mitos, remedios e ritos. Os textos posúen a tensión lírica de quen tiña o privilexio de falar creando versos. As fermosísimas imaxes de Xulio Xil retratan a paisaxe e a maxia de Teixido. Xohana Torres foi unha escritora inmensa,  que abriu camiños e transitou por todos os xéneros.

Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e ritos

San Andrés de Teixido sorprende despois de atravesar a serra. Aparece alá embaixo, nun casal, coma nun berce inmovente. A ermida érguese a case douscentos metros sobre o mar: velaí o avante da serra da Capelada brava e ríspida. Dende a tranquilidade da chanzada non se ven os cantís a pico que se erguen, recúan, seguen unha vez e outra o seu proceso de loita contra o mar. E indica Xohana Torres: “Pero o mar de San Andrés é outro: é un moi vello país de mortos do que podemos volver, e volver novos, en paz, ao noso destino no reino das sombras”.

O libro de Xohana Torres publicouno Engaiolarte Edicións en 2017.

Cultura

Publica o teu comentario agora