O novo cinema galego

O concello de Neda inaugura o ciclo de cine etnográfico, o venres 27 de setembro.
24 de Setembro, 2019 - 01:10 h. | Publicada por Radio Fene

O novo cine galego das novas e novos directores do país está presente neste ciclo que quere difundir o audiovisual galego. Exhibiranse as películas primeiro no concello de Neda este venres 27 de setembro, ás 20:30h.

Obras de Jaione Camborda, Gloria Vilches, Lucía Vilela, Diana Toucedo, Xacio Baños e Ana Domínguez, directora da iniciativa, compoñen o programa do Ciclo Etnográfico de Cinema Galego que a área de Cultura da Deputación da Coruña bota a andar o vindeiro día 27 de setembro en Neda. A Pobra do Caramiñal e Oroso serán as seguintes citas deste ciclo que ten vontade de difundir o audiovisual galego.

Cinco curtas e unha longametraxe forman parte do programa do Ciclo Etnografico de Cinema Galego que levará a tres concellos da Coruña traballos audiovisuais que mostran a vitalidade do xénero na cultura galega. En concreto "Rapa das Bestas" de Jaione Camborda, "O fareiro de Sálvora" de Gloria Vilches, "Toxos e Flores de Lucía Vilela, "Homes" de Diana Toucedo" e "Ser e voltar" de Xacio Baño son as curtametraxes do programa que se completa coa proxección da longametraxe "Os fillos da vide" de Ana Domínguez, tamén directora do ciclo. "A mirada feminina sobre o rural está presente neste ciclo coa obra de cineastas que mostran a súa creatividade arredor da natureza, o mundo da aldea e as tradicións.

Trátase dun ciclo que dá conta de obras de grande calidade que intentamos difundir con este ciclo", sinala a directora Ana Domínguez. O responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, destaca que esta é "unha posibilidade para achegar ao público producións que levan ao audiovisual temas centrais da nosa identidade e que atopan dificultades na súa difusión". Neste sentido, Couto insiste na "grande altura do Novo Cinema Galego, na súa singularidade e na capacidade para mostrar o que somos, como se pode comprobar neste programa que ofrece a obra de cinco directoras e un director con apostas interesantísimas".

Cultura

Publica o teu comentario agora